Novas

26.11.2023
A Xunta destaca a importancia dos mercados á hora de dinamizar as economías locais e de facilitar a comercialización de produtos agroalimentarios
A Xunta destaca a importancia dos mercados á hora de dinamizar as economías locais
José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, comprobou o resultado da rehabilitación exterior deste mercado cun investimento de 89.000 euros por parte do goberno autonómico. Este espazo permite a comercialización de produtos e servizos relacionados co Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. O conselleiro destacou a futura Lei da calidade alimentaria coa que a Xunta quere facer unha aposta definitiva polas excepcionais calidades dos produtos agroalimentarios galegos.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, visitou o Mercado do Xurés, nun día de apertura especial despois de que se reinaugurase o pasado 5 de novembro tras someterse a unhas obras de rehabilitación na súa parte exterior, mellorando a súa integración paisaxística.

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, asinou un convenio de colaboración para o financiamento destas melloras, cun orzamento total de 89.000 euros. Este investimento permitiu renovar as carpinterías exteriores do edificio, acometer melloras na fachada e facilitar novos accesos.

O conselleiro destacou nesta visita ao Mercado do Xurés, que abre as súas portas o primeiro domingo de cada mes de 11,00 a 15,00 horas, a súa importancia á hora de dinamizar o mercado de proximidade e, polo tanto, da economía local. Neste espazo pódense atopar produtos e servizos do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, idea coa que foi concibido.

O Mercado do Xurés conta cun espazo destinado para a recepción de visitantes, unha área gastronómica e con sete postos para distintos produtos, dende alimentarios ata artesanais, facilitando a súa comercialización. Ademais, serve como escaparate dos produtos da zona e como punto de información dos recursos e actividades dos concellos que forman pare do parca, así como da súa oferta turística, gastronómica, deportiva e de lecer.

José González resaltou que dispoñer de instalacións deste tipo supón un valor engadido á hora de facilitar a venda de produtos alimentarios, neste caso os que están vinculados a esta comarca e ao parque natural.


Defensa da calidade

O titular do Medio Rural puxo en valor o esforzo da Xunta para defender dende o control, a promoción e o apoio á comercialización dos produtos alimentarios de calidade. Por iso, sinalou se están a tomar importantes medidas como é a Lei da calidade alimentaria de Galicia, actualmente en tramitación no Parlamento, para apostar polas excepcionais calidades deste tipo de produtos.

A importancia de promoción verase reflexada tamén no vindeiro ano cunha dotación orzamentaria de máis de 6 millóns de euros para a posta en marcha dun Plan de promoción dos produtos agroalimentarios galegos.

Espazos como o Mercado do Xurés permiten que produtores e consumidores poidan ter un punto de encontro no que poñer en valor os produtos da terra, xerando un impacto positivo a nivel social e local.