Novas

31.01.2025
A Xunta destaca o proxecto Enoturismo María Manuela de Boqueixón como iniciativa de emprendemento e dinamización no rural
A Xunta destaca o proxecto Enoturismo María Manuela de Boqueixón

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou o complexo turístico, que se construíu e ampliou cunha aportación de algo máis de 310.000 euros procedente do programa Leader. Este tipo de iniciativas contribúen a mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio e dinamizar o tecido socioeconómico destas zonas. o marco da medida 19 do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, a medida Leader permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; visitou esta tarde o complexo Enoturismo María Manuela, situado en Boqueixón, un proxecto composto por nove cabanas de madeira, exemplo de emprendemento e dinamización no rural.

Na visita coñeceron a iniciativa impulsada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, que opera nesta contorna, e que conta cun investimento de algo máis de 310.000 euros procedente da medida Leader. Con este orzamento contribuíuse á construción deste complexo e a súa posterior ampliación a través de dúas axudas.

A conselleira salientou que o proxecto encaixa nos obxectivos marcados polo programa Leader, que procuran impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas. Ademais, engadiu, contribúese a mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural; así como para dinamizar o tecido socioeconómico destas zonas, impulsando a súa economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asinou o ano pasado un novo convenio de colaboración cos Grupos de Desenvolvemento Rural para a aplicación de Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. Polo tanto a medida Leader, que se atopa no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-2027, está dotada de 56,9 millóns de euros ata 2027.


Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020

Mentres o programa Leader estivo incluído na medida 19 do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos. Deste xeito, mobilizáronse algo máis de 169 millóns de euros, cunha axuda pública de 77,5 millóns para operacións a terceiros.

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas