Novas

21.02.2024
A Xunta destina 3 millóns de euros para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo
creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo

O obxectivo destas axudas é reforzar os servizos públicos e dotacións básicas proporcionados á poboación rural das aldeas modelo, favorecendo a implantación de actividades que xeren emprego e fixen poboación. As actuacións subvencionables a través desta liña de achegas son, entre outras, a rehabilitación de espazos públicos ou edificios destinados a servizos públicos, a mellora de vías públicas, redes de servizos ou e-servizos. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se aproban as bases reguladoras para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo. Estas achegas están dotadas dun orzamento total de 3.000.000 millóns de euros distribuídos en dúas anualidades -1.500.000 euros para 2024 e 1.500.000 para 2025-, co fin de facilitar a execución dos proxectos.

O obxectivo destas axudas é reforzas os servizos públicos e dotacións básicas proporcionados á poboación rural das aldeas modelo, favorecendo a implantación de actividades que xeren emprego e fixen poboación.

As actuacións subvencionables a través desta liña de axudas son, entre outras, a rehabilitación de espazos públicos ou edificios destinados a servizos públicos, a mellora de vías públicas, as redes de servizos (alumeado, auga, saneamento, enerxía, comunicacións...), servizos asistencias e culturais ou a rehabilitación de elementos patrimoniais como hórreos, fontes, lavadoiros ou muíños.

Neste sentido, estas achegas prestan especial interese á modernización dos núcleos rurais, polo que tamén se poderán empregar estas subvencións para dixitalizalos e implementar e-servizos mediante Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) específicas para a provisión de servizos no medio rural.


Solicitudes

Cada concello poderá presentar unha única solicitude de axuda, que poderá incluír ata un máximo de tres proxectos diferentes a executar dentro da aldea modelo. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por outra banda, serán subvencionables aqueles gastos vencellados coa construción, adquisición e mellora de inmobles, terreos e os custes xerais relacionados coa obra civil, a maquinaria e o equipamento.

As axudas poderán cubrir o 100% dos custes subvencionables ata un importe máximo de 150.000 euros.


Ligazón á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240221/AnuncioO90-281223-00…

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas