Novas

29.01.2025
A Xunta destina este ano 1,7 millóns de euros a proxectos de investimento en actividades empresarias non agrícolas.
Cartel

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras desta liña de achegas, que busca apoiar a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas existentes no rural. As solicitudes de subvención poderán presentarse no prazo dun mes contando a partir de mañá.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cun orzamento deste ano de 1,7 millóns de euros. Este presuposto está financiado exclusivamente con fondos propios da Xunta de Galicia.

O obxectivo desta convocatoria é apoiar a adquisición de bens e equipamentos para empresas xa existentes que desenvolvan actividades non agrícolas no territorio rural galego co gallo de contribuír á súa mellora, ampliación e/ou modernización.

Poderán beneficiarse destas axudas as pequenas empresas situadas en zonas rurais e construídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2024 e aquelas persoas físicas que residan nunha zona rural e estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomas, tamén con anterioridade ao 1 de setembro do mesmo ano.

O prazo para presentar as solicitudes para optar a estas axudas é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e remata o 28 de febreiro de 2025.


Resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioO90-261224-00…

Extracto da resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250129/AnuncioO90-261224-00…

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas