Novas

11.03.2026
A Xunta destina máis de 40.000 euros á mellora paisaxística da contorna do Castelo da Peroxa
Foro de participación Reserva de biosfera

A directora xeral de Patrimonio Natural visitou esta actuación e participou na reunión do consello reitor da Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. No foro de participación da Reserva de biosfera Ribeira Sacra acordouse abrir un novo proceso de adhesión para incluír neste órgano a aqueles sectores que aínda non están representados e cuxas actividades e intereses están vinculados a esta área.

A Xunta de Galicia destinou máis de 40.000 euros á mellora paisaxística da contorna do castelo da Peroxa, que, segundo dixo a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, conta cuns altos valores naturais e históricos e que, de feito, forma parte da Reserva de biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel.

Durante a súa visita a esta actuación, a directora xeral explicou que se levou a cabo unha actuación para mellorar a paisaxe agraria e conservar os valados e sebes nun espazo natural singular moi representativo da contorna. En concreto, reparáronse os lugares do peche que estaban deteriorados e tamén se completou naquelas zonas que permanecía aberto.

Esta actuación, que se levou a cabo no último trimestre de 2026, foi cofinanciada do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.


Foro de participación Reserva de biosfera

A maiores, esta mañá Marisol Díaz, xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou no foro da Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, que é o órgano de participación desta entidade no que están representados os sectores vinculados a esta área protexida.

De feito, na reunión que se celebrou esta mañá nos Peares, adheríronse a este foro unha comunidade de montes, a Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Fundación Uxío Novoneyra. Nese senso, tal e como informou Marisol Díaz, acordouse abrir un novo proceso de adhesión para incorporar a este órgano a aqueles sectores que aínda non están representados e cuxas actividades e intereses están vinculados á Reserva.

Nese senso, a directora xeral fixo un chamamento a todas as entidades, asociacións e sectores desta área a participar neste órgano para colaborar no deseño de accións e actuacións que contribúan a garantir a harmonización da conservación da biodiversidade co desenvolvemento sostible e o benestar da veciñanza da contorna.
 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas