A conselleira do Medio Rural e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional participaron no acto de sinatura do convenio, dotado con máis de 516.000 euros. A iniciativa dará servizo a varios edificios municipais e enmárcase no proxecto Interreg Poctep Aldealix, de uso de recursos do monte para xerar calor en pequenos núcleos coa creación de comunidades enerxéticas locais baseadas en biomasa forestal. María José Gómez salientou que o proxecto une innovación, sustentabilidade e compromiso co agro, co fin de aproveitar recursos locais para xerar enerxía sostible, mellorar a eficiencia e contribuír ao desenvolvemento da comunidade. Román Rodríguez destaca que a actuación se aliña cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que busca mellorar a eficiencia enerxética dos centros.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, participaron hoxe no acto de sinatura do convenio entre a Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade para a posta en marcha dunha rede de calor con caldeira de biomasa neste municipio, co fin de favorecer o desenvolvemento rural sostible. Na sinatura tamén estiveron presentes a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez; e o alcalde da localidade, Jorge Cubela.
Esta iniciativa permitirá dar servizo a varios edificios públicos do concello, en concreto o CEIP San Xoan Bautista, a Galiña Azul, os vestiarios do pavillón municipal de deportes e as aulas taller e de música, mediante un investimento total que supera os 516.000 euros. A actuación enmárcase no proxecto europeo Interreg Poctep Aldealix (2023-2026), liderado pola Consellería do Medio Rural e centrado en potenciar o uso de recursos do monte para xerar calor en pequenos núcleos por medio do impulso á creación de comunidades enerxéticas locais baseadas en biomasa forestal.
Así, ademais do Concello, na iniciativa participan, por parte da Xunta, as consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Política Social e Igualdade, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar; Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia; e Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Innovación e sustentabilidade
No acto, a conselleira do Medio Rural salientou que o proxecto une innovación, sustentabilidade e compromiso co agro galego, co fin de aproveitar recursos locais -neste caso a biomasa forestal- para xerar enerxía sostible, mellorar a eficiencia e contribuír ao desenvolvemento da comunidade. Segundo Gómez, procúrase acadar un rural moderno e adaptado aos tempos actuais, nun enfoque de economía verde e respectuosa co medio ambiente.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou que esta actuación se aliña cos obxectivos do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que entre outras accións inclúe a mellora da eficiencia enerxética dos centros educativos.
Transición enerxética
A iniciativa encaixa coa aposta da Xunta pola sustentabilidade e a transición enerxética, xerando enerxía limpa, reducindo o risco de incendios e promovendo a autosuficiencia das comunidades locais.
Así, o proxecto europeo Aldealix contempla varias iniciativas piloto en concellos de Galicia e Portugal que poderán funcionar como “demostrativas”, para aprender sobre posibles formas xurídicas de organización, consumos e custos, tecnoloxías e maquinaria utilizadas, de forma que poidan visitarse por outras entidades e municipios interesados neste tipo de solucións e beneficiarse desta experiencia.
Neste contexto, ademais desta rede de calor en Cerdedo-Cotobade, cómpre resaltar outra iniciativa similar, levada a cabo no municipio ourensán de Monterrei, no marco tamén deste proxecto Interreg.
