Novas

27.05.2022
A Xunta e o Concello de Coles avaliarán a posta en marcha dun polígono agroforestal no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
A Xunta e o Concello de Coles avaliarán a posta en marcha dun polígono agroforestal no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
O rexedor trasladou o interese de implementar esta figura de posta en valor nunha zona en estado de abandono do municipio

A Xunta e o Concello de Coles analizarán a posibilidade de poñer en marcha un polígono agroforestal nesta localidade ourensá, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así se acordou na reunión que mantivo o conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, co alcalde do municipio, Manuel Rodríguez.

Así, o Concello de Coles está interesado en devolver á produción unha área en estado de abandono, cun uso que se considere idóneo para o crecemento do sector primario na localidade. Cómpre sinalar que os polígonos agroforestais son un dos instrumentos principais contemplados na Lei de recuperación da terra, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, para -neste caso- poñer en valor grandes superficies de terreo.

Segundo explicaron os representantes de Medio Rural, todas elas son ferramentas concibidas para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación. Ao tempo, avánzase na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte aos lumes.

Nesa liña, cómpre engadir que a xuntanza tamén serviu para que se trataran as posibilidades que ofrece a apicultura para dinamizar a economía e xerar emprego no municipio de Coles.