Novas

08.03.2022
A Xunta e o Estado avanzan na súa colaboración a prol da sustentabilidade do agro na comarca da Limia
A Xunta e o Estado avanzan na súa colaboración a prol da sustentabilidade do agro na comarca da Limia
O conselleiro do Medio Rural reuniuse co delegado do Goberno en Galicia e co presidente da Sociedad Mercantil Estatal de Infraestructuras Agrarias-Seiasa. Na xuntanza abordáronse, xunto cos representantes dos regantes, os trámites necesarios para a execución dos 42 novos pozos de sondaxe de auga previstos. Estas actuacións enmárcanse no investimento de arredor de 36 millóns de euros que está previsto levar a cabo por parte da Xunta e o Estado na bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse esta mañá co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, co presidente da Sociedad Mercantil Estatal de Infraestructuras Agrarias-Seiasa, Francisco Rodríguez, e cos representantes das comunidades de regantes da comarca ourensá da Limia. Trátase das comunidades de San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia.

O encontro serviu para continuar avanzando na colaboración entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado a prol da xestión sustentable da actividade agrogandeira nesta bisbarra de referencia para o rural galego. En concreto, abordáronse os trámites necesarios para a execución dos 42 novos pozos de sondaxe de auga previstos, unha infraestrutura clave no impulso desa sustentabilidade.

 

Trámites necesarios

Neste contexto, o conselleiro sinalou que o inicio destas obras está unicamente pendente das preceptivas autorizacións por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, polo que reiterou a petición ao Goberno do Estado para que axilice os trámites necesarios. Estas actuacións enmárcanse -lembrou González- no investimento de arredor de 36 millóns de euros que está previsto levar a cabo por parte da Xunta e o Estado na bisbarra, uns fondos que foron conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego, tal como destacou o conselleiro.
Destas achegas, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case catro millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción dos devanditos 42 pozos e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural perante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos, un investimento que González agarda que se faga efectivo, de acordo co compromiso amosado polo Ministerio de Agricultura.

Ademais, o conselleiro explicou que a todo este esforzo investidor cómpre engadir os 600.000 euros que destina o seu departamento, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, para a reparación de camiños na comarca, todo enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia.

Nesta liña, José González quixo recoñecer e agradecer novamente aos agricultores e gandeiros da Limia, así como aos demais axentes sociais e económicos da comarca, o seu compromiso de avanzar na sustentabilidade do sector, crucial para esta zona. E insistiu en amosar a vontade da Xunta de seguir traballando e procurando consensos a prol desta comarca en particular e do rural galego en xeral.

 

Invasión rusa de Ucraína

Por outra banda, neste acto o conselleiro reclamou ao Goberno do Estado “medidas extraordinarias ante situacións extraordinarias”, como é a invasión rusa de Ucraína, para afrontar o incremento desmesurado dos custos de produción no sector primario en xeral e no gandeiro en particular.

Así, González lembrou que onte mesmo lle pediu ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación a convocatoria “urxente e presencial” dunha Conferencia sectorial extraordinaria para abordar este asunto. Engadiu que cómpre a adopción de actuacións urxentes e coordinadas coas comunidades autónomas, a nivel nacional, para garantir a sustentabilidade do sector agroalimentario.