
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta e a Dirección General de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural do Principado de Asturias, co apoio da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia e a Red Asturiana de Desarrollo Rural, iniciaron hoxe no Folgoso do Courel unhas xornadas para compartir os avances no desenvolvemento do novo programa LEADER 2023-2027.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou nesta primeira xornada de hoxe acompañada pola directora xeral de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural do Principado de Asturias, Begoña López; o director xeral de Reto Demográfico de Asturias, Marcos Niño, e pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, entre outros asistentes de institucións e entidades de Galicia e Asturias. Este día serviu aos asistentes para coñecer un dos proxectos levados a cabo pola Xunta, a aldea modelo de Moreda, resaltando a utilidade da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Pola parte asturiana, coñeceuse a experiencia do Banco de terras do Principado.
Nesta xornada inaugural, os asistentes analizaron os resultados dalgunhas actuacións levadas a cabo polo goberno galego e polo asturiano para compartir experiencias na Estación Científica do Courel, que depende da Universidade de Santiago.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta e a Dirección General de Agricultura, Agroindustria y Desarrollo Rural do Principado de Asturias buscan con estas xornadas maximizar a aplicación dos fondos públicos e seguir mellorando, polas distintas partes, a súa xestión. Por iso, debatéronse novos acordos de colaboración e a elaboración e execución das bases e convocatorias das axudas LEADER. A Xunta dispón de preto de 58 millóns de euros para o período 23-27.
Mañá, as actividades do segundo día trasladaranse á Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, onde transcorrerá para seguir traballando no proxecto LEADER. Ademais, as xornadas inclúen unha visita para coñecer a iniciativas do ecocomedores no CEIP Plurilingüe de Riotorto.
LEADER 2023-2027
O novo período de aplicacións dos fondos da Política Agraria Comunitaria da Unión Europea supón o desenvolvemento do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) para España, aprobado en agosto do ano pasado e no que se incorporou o enfoque LEADER como unha intervención incluída dentro da cooperación.
Ante este enfoque, a LEADER ten que adaptarse e isto supón unha serie de retos en materia de formalización de novos acordos de colaboración entre os grupos de desenvolvemento rural, que son os protagonistas no programa LEADER, e os organismos responsables de cada comunidade autónoma.
Ademais, tamén se debe definir o modelo de participación dos grupos de desenvolvemento rural nas axudas neste novo período para que cheguen aos promotores e dean resposta aos obxectivos fixados nas estratexias de desenvolvemento local, no marco de políticas de emprego, crecemento económico, igualdade e inclusión. O obxectivo é que se convertan en elementos clave do desenvolvemento das zonas rurais onde traballan estes grupos.