A conselleira do Medio Rural visitou os apartamentos turísticos Casas da Fortaleza, en Outeiro de Rei, que contaron co apoio económico desta intervención. María José Gómez lembrou que o pasado mes de febreiro se publicou unha convocatoria histórica destas axudas, dotadas cun orzamento de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2027. Con estes fondos impúlsase o desenvolvemento rural cunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo arriba na que se garante a participación activa dos principais axentes locais.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou na tarde de hoxe os apartamentos turísticos Casas da Fortaleza, no concello lucense de Outeiro de Rei, que contaron co apoio económico do programa europeo Leader. Alí, Gómez destacou a especial relevancia que ten esta intervención no noso medio rural, xa que incide de forma directa na creación de emprego e no asentamento de poboación.
Durante o seu percorrido polas instalacións, no que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, a conselleira destacou que no pasado mes de febreiro se publicou a maior convocatoria da historia das achegas Leader, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2027. Gómez sinalou que este reparto por anualidades permitirá aos xestores dos proxectos desenvolver a súa iniciativa con maior marxe de tempo. Cómpre lembrar que o prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 6 de abril.
Con estes fondos impúlsase o desenvolvemento rural cunha estratexia participativa, baseada nun enfoque de abaixo arriba na que se garante a participación activa dos principais axentes locais.
Casas da Fortaleza
Estes apartamentos turísticos contan con 24 prazas de aloxamento divididas en catro apartamentos de seis prazas cada un. O hotel compleméntanse cun amplo programa de actividades que ten como fin mellorar a oferta turística, tanto deste establecemento como do resto de negocios da zona, o que contribúe a dinamizar social e economicamente a comarca.
Así, Casas da Fortaleza acolle demostracións de cociña, cursos de artesanía, degustacións, feiras con produtos locais e mesmo actuacións en vivo; todo contextualizado nun enclave natural caracterizado pola reserva da biosfera Terras do Miño.
