Novas

11.04.2024
A Xunta informa aos veciños interesados na parcelaria de Galegos, no concello pontevedrés de Lalín, que abrangue unha superficie de 431 hectáreas
A Xunta informa aos veciños interesados na parcelaria de Galegos, en Lalín
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, avanzou os traballos que se desenvolverán para poñer en marcha esta iniciativa, que suporá a reestruturación de 2.308 parcelas propiedade de 187 titulares. As actuacións que se realizarán están vencelladas con operacións de definición do parcelario, a investigación da propiedade, a clasificación da terra e a redacción do plan de ordenación de fincas de especial vocación agraria. Neste concello, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 ha cun investimento que nestes procesos superou xa os 19 M€. A Xunta rematou dende o ano 2020 un total de 32 parcelarias e decretou outras 29 no conxunto de Galicia, destinando este ano 24 millóns de euros para seguir impulsando estes procesos de mobilización de terra.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, reuniuse esta mañá con veciños interesados na concentración parcelaria da parroquia de Galegos, situada neste concello pontevedrés, que abrangue 431 hectáreas, distribuídas en 2.308 parcelas de 187 propietarios.

Inés Santé informou aos asistentes á xuntanza, celebrada no local social de Galegos, sobre os traballos que se levarán a cabo nesta concentración. As actuacións inclúen as operacións de definición do parcelario, a investigación da propiedade, a clasificación da terra e a redacción do plan de ordenación de fincas de especial vocación agraria. A directora xeral tamén resolveu as dúbidas dos asistentes relacionadas con esta figura. O orzamento previsto para estes labores é de 117.200 euros.

A definición do parcelario suporá a correcta delimitación cartográfica da totalidade das parcelas e a delimitación do perímetro definitivo da zona de concentración parcelaria. Por outra banda, a investigación da propiedade consiste na compilación dos datos persoais dos propietarios, así como na recollida da documentación acreditativa.

No termo municipal de Lalín, oito parcelarias están mobilizando actualmente máis de 9.700 hectáreas de superficie. Ademais da de Galegos, trátase dos procesos de Cristimil; Val-Bermés-Sello; Santa Baia de Losón; Vilatuxe; Cercio; Noceda-Bendoiro-Anzo-Madriñán-Busto; e Goiás-Xaxán-A Veiga. Nestas reestruturacións, a Consellería do Medio Rural leva investidos máis de 19 millóns de euros.


Posta en valor do territorio

O obxectivo de todos estes traballos é o de poñer en valor o territorio. Así, a través dos diferentes mecanismos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as reestruturacións parcelarias, a Xunta leva xa mobilizadas en total 35.000 hectáreas en toda a comunidade nos últimos catro anos.

Neste contexto, dende o ano 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de 21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. Co fin de manter o seu compromiso coas reestruturacións parcelarias, o Goberno galego destina este ano 24 millóns de euros -un 41% máis que o ano anterior- para seguir avanzando nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.