Novas

11.03.2023
A Xunta inicia a consulta pública de cara á implementación de dúas novas zonas de concentración parcelaria no concello do Pino
A Xunta inicia a consulta pública de cara á implementación de dúas novas zonas de concentración parcelaria no concello do Pino
Esta actuación supón o inicio da tramitación para a avaliación previa das zonas de Arca II e de Montes de San Miguel de Pereira, con 837 hectáreas e 349 ha respectivamente. Xa está publicada na web da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á súa posible execución, co obxecto de que os interesados poidan presentar alegacións deica o próximo 3 de abril. No Concello do Pino xa se remataron 12 zonas de concentración parcelaria, cunha superficie que acada as 9.319 hectáreas e con 5.705 propietarios implicados.

A Xunta anuncia o inicio da tramitación para a avaliación previa das zonas de reestruturación parcelaria de Arca II e de Montes de San Miguel de Pereira -no concello coruñés do Pino- con 837 hectáreas e 349 hectáreas respectivamente. Así o acordaron o conselleiro do Medio Rural e o alcalde desta localidade coruñesa, Manuel Taboada, nunha reunión na que tamén estivo presente a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Así, xa está publicada na web sobre parcelarias da Oficina Virtual do Medio Rural a consulta pública inicial de cara á posible execución destas zonas, co obxecto de que as persoas involucradas poidan presentar alegacións deica o próximo 3 de abril. En concreto, no apartado Consultas públicas poderanse atopar os documentos de consulta do cumprimento dos obxectivos xerais e os planos relativos a estes procesos.

Cabe destacar que no Concello do Pino xa se remataron 12 zonas de reestruturación parcelaria, cunha superficie concentrada que acada as 9.319 hectáreas, afectando a 80.724 parcelas e a 11.124 predios resultantes de 5.705 persoas propietarias.

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Así, permite reorganizar parcelas de cara ao redimensionamento das explotacións, facéndoas máis rendibles e abaratando os custos de produción, incrementando a súa sustentabilidade e competitividade no mercado. Así mesmo, posibilita mellorar as vías de comunicación, non só para as parcelas, senón entre poboacións, o que supón maior dotación de servizos básicos que potencian a calidade de vida no rural, entre outras actuacións relativas a infraestruturas.

Por iso, a Xunta segue impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Este ano, está previsto investir 17 millóns de euros no desenvolvemento de distintas zonas de concentración parcelaria e cabe apuntar que tamén se destinarán 6 millóns de euros a un plan extraordinario para arranxar camiños de parcelarias.