Novas

18.04.2022
A Xunta inicia esta semana os talleres da segunda fase do proceso participativo para a elaboración do Plan integral de recuperación da área suroriental de Ourense
Plan integral de recuperación da área suroriental de Ourense

En total, haberá talleres en cada un dos 10 concellos implicados para priorizar e recoller máis propostas de dinamización do territorio, sendo os primeiros os previstos os días 20, 21 e 22 de abril en Verín, Monterrei e Oímbra respectivamente. Tamén se celebrarán cinco mesas temáticas, das que xa tivo lugar a primeira -centrada no turismo- en Verín. Este plan contempla un orzamento de 140.000 euros, que estarán financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Turismo de Galicia, a Deputación de Ourense e a Fundación Juana de Vega. Desenvolverase a través dun convenio entre a Vicepresidencia Primeira, a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense e os municipios de Cualedro, Monterrei, Oímbra, Verín, Laza, Castrelo do Val, Vilardevós, Riós, A Gudiña e A Mezquita

A Xunta inicia esta semana os talleres da segunda fase do proceso de participación pública para a elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense. O obxectivo é valorar a relevancia do recollido na primeira fase do proceso e deseñar novas propostas de dinamización para os sectores que conforman o Plan integral (agrogandeiro, forestal, turístico e patrimonial), facendo fincapé na identificación de terras que poidan ser postas en valor mediante algunhas das figuras que recolle a Lei de recuperación da terra agraria.

Así, desenvolveranse talleres participativos en cada un dos 10 concellos involucrados no proxecto, en horario de 18,00 a 20,00 horas. Os primeiros son os previstos este mércores 20 de abril na Casa da Cultura de Verín, o xoves 21 na Casa da Cultura de Monterrei e o venres 22 na Casa do Concello de Oímbra. Aínda neste mes, seguiraos o taller da Aula arqueolóxica Antonio Rodríguez Colmenero, en Cualedro, o xoves 28.

O resto dos talleres participativos están programados para maio. En concreto, o mércores 4 celebrarase un no Centro de Desenvolvemento Agroforestal de Riós, o xoves 5 o da Casa do Concello de Castrelo do Val e o venres 6 o da casa consistorial de Laza. Xa a seguinte semana, está previsto un taller na Casa da Cultura de Vilardevós o mércores 11, o xoves 12 outro no edificio multiusos da Gudiña e, por último, o da Mezquita será no seu edificio multiusos o venres 13 de maio.

A maiores dos talleres, cómpre lembrar que nesta segunda fase do proceso participativo de elaboración do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense se levarán a cabo cinco mesas temáticas, das que xa se celebrou a primeira -centrada no turismo, o patrimonio e o viñedo- en Verín. O resto abordarán outros aspectos de relevancia como o sector agrogandeiro, o sector forestal, a cooperación territorial con Portugal e os núcleos rurais.
Cabe engadir que esta etapa da iniciativa sucede á primeira fase de entrevistas e acompañamentos para a elaboración do Plan, na que participaron un total de 78 persoas e entidades.


O Plan

O obxectivo fundamental do Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense é a elaboración dunha folla de ruta estratéxica para o desenvolvemento sustentable do territorio, que actuará como un modelo de xestión integrada. Deste xeito, perséguense solucións de sustentabilidade, tanto ambiental como económica, para a mellora da resiliencia do territorio fronte ao lume, así como para a dinamización turística do territorio atendendo aos seus valores patrimoniais, naturais e paisaxísticos.

Cómpre lembrar que este plan estase a elaborar a través dun convenio -dotado con 140.000 euros- entre a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería do Medio Rural, a Deputación de Ourense e os 10 municipios mencionados. Parte da iniciativa desenvolverase ao abeiro da Lei de recuperación da terra, que contempla numerosas actuacións para fixar poboación neste territorio e para fomentar a súa dinamización.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas