Novas

08.07.2022
A Xunta inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento de oito polígonos agroforestais de iniciativa pública en varios concellos galegos
A Xunta inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento de oito polígonos agroforestais
O DOG publica hoxe os oito acordos da Consellería do Medio Rural que dan lugar ao comezo destes procesos de recuperación de terras nos concellos da Arnoia, Leiro, Riós, Monterrei, Paderne de Allariz, Cerdedo-Cotobade, Crecente e Curtis. O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización. Estes polígonos constarán dunha superficie de entre 22 e 3.386 hectáreas, e darán uso a unha serie de cultivos que variarán segundo a súa localización

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os acordos da Consellería do Medio Rural para iniciar o procedemento de aprobación para o desenvolvemento de oito polígonos agroforestais de iniciativa pública, que estarán situados nos concellos ourensáns da Arnoia, Leiro, Riós, Monterrei e Paderne de Allariz, nos pontevedreses de Cerdedo-Cotobade e Crecente e no coruñés de Curtis, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ditos procesos realizaranse mediante procedementos de concorrencia competitiva.

Así, en colaboración coas oito administracións locaise tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias de cada un dos casos, a Consellería do Medio Rural resolveu a conveniencia de iniciar ditos procedementos. O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal, así como mellorar a estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas.

Cómpre sinalar que as causas polas que procede desenvolver estes oito polígonos de iniciativa pública son a existencia dunha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal. O polígono máis extenso dos declarados é o situado no concello de Curtis, que contará cunha extensión total de 3.386 hectáreas, repartidas en 6.161 parcelas de 1.776 propietarios, orientadas preferentemente á gandaría bovina de leite.

No relativo ao resto de polígonos, o de Remuíño, na Arnoia, componse de 224 hectáreas repartidas no maior número de parcelas -6.753- de 780 propietarios para uso hortícola, cultivos leñosos e de sistema agroforestal; mentres o de Barzamedelle, en Leiro, consta de 146 hectáreas e 183 parcelas de 113 propietarios para cultivos leñosos, de sistema agroforestal e de ciclo curto. Pola súa parte, o de Pousada, en Riós, ten 94 hectáreas e 663 parcelas de 966 propietarios e destinarase ao cultivo de castiñeiro, mentres que o de Solbeira, en Paderne de Allariz, ten 43 hectáreas e 317 parcelas de 208 propietarios que serán destinadas a gandaría.

Finalmente, o de Vilalén-Tomonde, en Cerdedo-Cotobade -de 68 hectáreas e 1534 parcelas de 278 propietarios- destinarase a cultivos leñosos e de sistema agroforestal. Isto tamén o fará o polígono agroforestal de Mandelos, en Crecente, composto de 45 hectáreas, repartidas en 391 parcelas pertencentes a 183 propietarios no que, ademais, se levarán a cabo cultivos de horta. Pola súa parte, o polígono de Vences, en Monterrei, con 22,44 hectáreas repartidas en 535 parcelas de 599 propietarios, será empregado para cultivos leñosos.

 

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Arnoia

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Cerdedo-Cotobade

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Crecente

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Curtis

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Leiro

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Monterrei

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Paderne de Allariz

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de Riós