Novas

16.03.2023
A Xunta inicia os traballos de roza e posta a punto do novo polígono agroforestal de Mandelos, no concello de Crecente
A Xunta inicia os traballos de roza e posta a punto do novo polígono agroforestal de Mandelos, no concello de Crecente
Este polígono mobilizará algo máis de 45 hectáreas de superficie, divididas en 391 parcelas propiedade de 183 veciños. A súa guía produtiva establece como usos ou actividades principais os cultivos leñosos -como viñedo-, de ciclo curto -hortícolas- e sistemas agroforestais. Na actualidade, xa son 21 os polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa comunidade, dos cales tres -incluíndo o de Crecente- se atopan na provincia de Pontevedra. Desde a entrada en vigor da Lei de recuperación, en maio de 2021, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria. O conselleiro tamén participou esta mañá nunha charla informativa sobre as medidas de apoio que adoptou a Xunta para facer fronte á Flavescencia Dourada da vide, celebrada en Crecente para os viticultores da zona e outros interesados.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, mantivo hoxe un encontro informativo cos veciños que se verán beneficiados polo novo polígono agroforestal de Mandelos, neste municipio pontevedrés, para abordar as características e posibilidades que ofrece este instrumento de mobilización de terras. Seguidamente, desprazouse ata a zona para supervisar os traballos de roza e posta a punto, tamén en compañía do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Así, cabe lembrar que dito polígono permitirá mobilizar 45,04 hectáreas de superficie, divididas en 391 parcelas propiedade de 183 veciños. Ademais, segundo a súa guía produtiva, establécense como usos ou actividades principais os cultivos leñosos -como viñedo-, de ciclo curto (hortícolas) e sistemas agroforestais.

Cabe indicar que, esta mobilización de terreos, faise sempre co consentimento dos propietarios, aínda que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.

Neste senso, cabe sinalar que este polígono de Mandelos forma parte dos 21 polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa Comunidade, dos cales un total de tres -contando con este de Crecente- se atopan na provincia de Pontevedra (os outros están proxectados nos concellos de Cerdedo-Cotobade e Tomiño). Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños.

Xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Polo tanto, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas.


Charla Flavescencia Dourada

Así mesmo, o conselleiro aproveitou a súa visita ao municipio para participar nunha charla informativa sobre as medidas de apoio que adoptou a Xunta para facer fronte á Flavescencia Dourada da vide. Neste encontro, orientado a viticultores da zona e outros interesados, tamén estivo presente o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Así, cabe sinalar que esta doenza -provocada polo organismo Grapevine flavescence dorée phytoplasma- detectouse primeiro en Portugal, polo que se estableceu unha zona demarcada de 2,5 quilómetros con respecto á fronteira para adoptar as medidas necesarias. En Galicia, atopouse este tipo de organismo en plantas illadas dos concellos de Crecente -precisamente-, Arbo, As Neves e Padrenda. Todos eles forman parte desta zona demarcada, que se estende tamén a parcelas da Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.

Na reunión, lembróuselles aos viticultores que dentro da zona demarcada os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas. As plantas infestadas deberán ser arrincadas e destruídas baixo control oficial o antes posible. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ. Se non é posible, deberá realizarse nun rodal próximo, por incineración ou por algún outro método autorizado.

Ademais, no caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Acontece o mesmo no caso de zonas abandonadas demarcadas, onde se deberán arrincar e destruír todas as plantas de vide (Vitis spp.) e aquelas que poidan ser portadoras da enfermidade, entre outras medidas preventivas.

No relativo aos viveiros e outros operadores profesionais dentro das zonas infestadas, terán que inmobilizar de xeito cautelar o material de vide ata a súa inspección oficial. A maiores, deberán aplicar un tratamento insecticida autorizado e destruír todos os lotes infectados seguindo un procedemento específico. No caso de ter plantas ou lotes sospeitosos de portar a enfermidade pero que non detecten síntomas tamén deberán ser eliminadas.