A titular de Medio Rural afirmou que o novo Marco Financeiro Plurianual pretende substituír a arquitectura de dous piares existente ata o de agora e pon en perigo a viabilidade dos programas de desenvolvemento rural, os fondos de mobilidade de terras ou outros a prol da sucesión de explotacións. Seguindo esta liña, lembrou que onte mesmo se lle trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a necesidade de seguir demandando medidas diferenciadas, con fondos definidos para poder defender os “intereses do rural”.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe a unha reunión de traballo cos presidentes dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), onde insistiu de novo na importancia de que a nova PAC a partir de 2028 blinde os fondos de desenvolvemento rural con financiamento suficiente e específico.
Neste sentido, afirmou que o novo Marco Financeiro Plurianual, cun enfoque centralista cun fondo único para os estados membros, pretende substituír a arquitectura de dous piares existente ata o de agora e pon en perigo a viabilidade dos programas de desenvolvemento rural, os fondos de mobilidade de terras ou outros a prol da sucesión de explotacións.
Gómez asegurou que “dende o primeiro momento” se lle reclamou á Unión Europea e ao Goberno central que os fondos de desenvolvemento rural tiñan que estar “ben definidos” e ser “suficientes”. O rexeitamento a este novo marco financeiro fundaméntase no recorte de fondos que supón para a PAC, de polo menos o 20 %, unha porcentaxe que se traduce en arredor de 80 millóns de euros anuais no caso de Galicia.
Seguindo esta liña, lembrou que onte mesmo se lle trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación no Consello Consultivo de Política Agrícola a necesidade de seguir demandando medidas diferenciadas, con fondos definidos para poder defender os “intereses do rural”. Así, trasladoulles aos GDR a importancia de sumarse a estas demandas.
Recoñecemento ao labor dos GDR
Nesta xuntanza, á que tamén asistiron o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; María José Gómez recoñeceu o traballo que levan a cabo estes grupos “cun enfoque de abaixo arriba” e que repercute en beneficios moi positivos sobre o tecido social e económico das zonas rurais.
