Novas

08.02.2022
A Xunta lembra que está aberto o prazo para que os concellos soliciten as axudas do Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas

O Diario Oficial de Galicia publicaba o pasado 25 de xaneiro esta nova convocatoria, que está dotada con preto de 18 millóns de euros, un 26% máis que o consignado na convocatoria anterior. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro venres, 25 de febreiro

A Consellería do Medio Rural lembra que está aberto o prazo para que os concellos galegos poidan solicitar as axudas do Plan Marco 2022-2023, que contempla preto de 18 millóns de euros para mellorar os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. En concreto, o orzamento ascende aos 17.994.606 euros (4,3 millóns para este ano e 13,6 millóns de euros para o 2023), case un 26% máis que o consignado na convocatoria 2021-2022.

Así, o prazo para presentar as solicitudes de axuda rematará o vindeiro venres 25 de febreiro, mentres que o prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á presente anualidade será o vindeiro 10 de setembro, mentres que o tope para o exercicio próximo será o 10 de xuño de 2023.

O obxectivo deste plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das principais vías de comunicación e doutras infraestruturas. Estes camiños facilitan o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas que se asentan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios das respectivas contornas. Por iso, a Xunta quere promover con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

En concreto, a finalidade destas axudas é facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, incluíndo actuacións que supoñan un incremento da largura da vía, o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Para chegar a cada un dos concellos da comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.

O orzamento de case 18 millóns de euros repartirase por provincias da seguinte forma: 5,4 millóns de euros irán para A Coruña, outros 4,6 millóns de euros son para Lugo, para Ourense consígnanse 4,3 millóns de euros e, por último, 3,5 millóns de euros destinaranse aos concellos da provincia de Pontevedra.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas