Novas

08.02.2024
A Xunta licita a contratación dunha solución innovadora integral para a xestión das comunidades enerxéticas nas aldeas modelo
Comunidades enerxéticas nas aldeas modelo
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, xunto co director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández, inaugurou esta mañá unha xornada informativa sobre o proxecto, que xa está publicado na plataforma de Contratos Públicos de Galicia. A primeira fase de proxecto conta cun orzamento de case 1,2 millóns de euros para o deseño do modelo de comunidade enerxética baseado no uso de enerxías renovables, dando prioridade á biomasa e os residuos da actividade agraria. Neste momento están en prazo de presentación de solicitudes as axudas da Administración autonómica para a constitución de comunidades enerxéticas.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Inés Santé, participou hoxe nunha xornada informativa sobre a contratación do servizo de desenvolvemento e implantación dunha solución innovadora e integral para a xestión das comunidades enerxéticas nas aldeas modelo, promovida por dita Axencia na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Nesta xornada tamén estivo presente o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación, Pablo Fernández Vila.

O contrato que se presenta forma parte do proxecto de Compra Pública de Innovación denominado “Aldeas intelixentes: solucións de futuro para aldeas sostibles”. O documento descritivo deste contrato está publicado na plataforma de Contratos Públicos de Galicia, conta cunha primeira licitación dotada cun orzamento de case 1,2 millóns de euros de fondos propios.

Este evento serviu para abordar os elementos esenciais do procedemento de contratación co fin de ofrecer unha visión detalla e clarificadora do mesmo. O obxecto do contrato é o deseño dun modelo de comunidade enerxética aplicable a calquera aldea.

Este prototipo levarase a cabo como un proxecto piloto en varias aldeas modelo, coa pretensión de ofrecerlles un modelo enerxético innovador e integral. Isto fundamentarase no uso de enerxías renovables e dará prioridade ao aproveitamento da biomasa e os residuos da actividade agraria, co fin de potenciar a autosuficiencia enerxética e utilizar as sinerxías coas comunidades de montes veciñais e cos produtores agrogandeiros.

Este sistema enerxético deberá conformar unha garantía de subministro enerxético e unha redución de custes co fin de atraer novos residentes e actividade económica á aldea, grazas a aparición de novos negocios e aos fomento do turismo.

O contrato que se presentou na xornada correspóndese coa fase de deseño, na que se desenvolverá unha solución innovadora que incluirá un modelo técnico, tecnolóxico e xurídico de comunidade enerxética local adaptada á realidade das aldeas galegas. Nun posterior contrato, correspondente á fase de piloto, aplicarase en varias aldeas modelo.


Axudas para as comunidades enerxéticas

A xornada tamén serviu para informar, no marco do compromiso co cumprimento dos obxectivos de descarbonización, de que ademais de iniciativas como a presentada na xornada, a Administración autonómica tamén conta con mecanismos que facilitan a constitución de comunidades enerxéticas, como por exemplo a convocatoria de axudas destinada á planificación enerxética de entidades locais e comunidades enerxéticas, que conta cun orzamento de 800.000 euros.

Nesta convocatoria, aberta ata o 15 de maio ou o esgotamento do crédito, cóbrense os custos, cunha intensidade de axudas do 80% e un máximo de 15.000 euros, da contratación dos servizos de asistencia para definir as infraestruturas enerxéticas necesarias, así como a elaboración ou ampliación de estatutos, pois tamén se poden presentar solicitudes previas á constitución destes entes.