A conselleira do Medio Rural visitou hoxe as actuacións realizadas na zona, que consistiron no asfaltado da estrada de Pousadouro. María José Gómez destacou o labor que desenvolve a Consellería ao abeiro destas achegas, que teñen como obxectivo apoiar aos concellos galegos na mellora das vías de titularidade municipal. Lembrou que a principios do mes de xaneiro foi publicada a convocatoria do Plan Camiña Rural para o período 2026-2027, cunha dotación total de preto de 19 millóns de euros.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; visitou hoxe o concello pontevedrés das Neves, onde se veñen de acometer diferentes actuacións en materia de optimización de infraestruturas rurais a través dun investimento conxunto de preto de 270.000 euros. Na visita estivo presente tamén o alcalde da localidade, José Manuel Alfonso.
Segundo explicou a conselleira, durante o ano 2025 leváronse a cabo traballos de mellora na estrada de Pousadouro, co asfaltado de varios treitos desta vía municipal que hoxe centrou a visita, por un importe de 190.000 euros. Ademais, realizáronse outros traballos de limpeza de cunetas e instalouse nova sinalización horizontal no tramo.
Por outra banda, o concello das Neves foi tamén beneficiario da convocatoria do Plan Camiña Rural correspondente ás anualidades 2025-2026, a través da cal recibiu unha axuda económica de 78.5000 euros que permitiu pavimentar os camiños da Cernada Garavisco e da Ribadeira.
Plan Camiña Rural
Seguindo esta liña, María José Gómez destacou o labor que desenvolve a Consellería ao abeiro do Plan Camiña Rural, que ten como obxectivo apoiar aos concellos galegos na mellora das vías de titularidade municipal. Sinalou estas infraestruturas como “claves” na dinamización social e económica do agro, na medida en que contribúen a vertebrar o territorio.
Así, lembrou que a principios do mes de xaneiro foi publicada a convocatoria para o período 2026-2027, cunha dotación total de preto de 19 millóns de euros. Esta medida beneficia a todos os concellos galegos e subvenciona a ampliación ou mellora de camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación.
Dende o ano 2016, tendo en conta os traballos que están a piques de finalizar ao abeiro da convocatoria 2025-2026, a Consellería do Medio Rural ten actuado en case 6.700 camiños que abranguen unha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros, cun importe de axudas de preto de 156 millóns de euros.
Neste sentido, María José Gómez avogou por avanzar na aposta do Goberno autonómico a prol da colaboración institucional para mellorar as infraestruturas. Así, estas actuacións redundan de xeito moi beneficioso na mobilidade dos veciños destas contornas e, ao mesmo tempo, facilita o transporte dos produtos agroalimentarios que se producen na zona.
