Novas

10.05.2022
A Xunta pon de relevo as posibilidades que ofrecen os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria para a xestión do monte e a anticipación aos incendios forestais
A Xunta pon de relevo as posibilidades que ofrecen os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria
Inés Santé referiuse ás vantaxes que presentan as aldeas modelo e os polígonos agroforestais -que poden combinar todos os usos agrarios para unha maior rendibilidade-, así como ás agrupación forestais de xestión conxunta. Así mesmo, puxo en valor o proxecto “Son de monte”, que recibiu unha axuda de 72.000 euros do programa Leader co obxecto de que un total de seis grupos de desenvolvemento rural colaboren para a valorización da cultura vinculada ao monte

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou hoxe as vantaxes que presentan os instrumentos voluntarios de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para a xestión do monte e a anticipación aos incendios forestais. Foi na IV xornada “Son de monte” organizada pola Asociación Seitura 22, grupo de desenvolvemento rural (GDR) cuxo ámbito de actuación comprende as comarcas do Eume, Ferrolterra e Ortegal, ademais dos concellos de Miño e Vilarmaior. A acción desenvólvese no marco dunha iniciativa de cooperación financiada cunha axuda de 72.000 euros do programa Leader e na que participan ata seis GDR da comunidade para apostar pola valorización da cultura vinculada ao monte.

En concreto, a directora xeral lembrou que xa están aprobadas un total de 19 aldeas modelo en Galicia, para recuperar as contornas doutros tantos núcleos de poboación. Dentro destas figuras, salientan os aproveitamentos gandeiros pero tamén se perfilan como opcións idóneas cultivos de horta ou a plantación de árbores froiteiras e de castiñeiros, para aumentar as posibilidades de dinamización e rendibilidade.

Na mesma liña, Inés Santé referiuse aos polígonos agroforestais que -como o propio nome indica- poden combinar tamén todos os usos agrarios poñendo en valor, neste caso, grandes superficies de terreo. Segundo sinalou, neste caso hai máis dunha decena de proxectos iniciados ou a piques de dar comezo ás actuacións previas en toda a comunidade. Canto ás agrupacións forestais de xestión conxunta, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lembrou que vén de estrearse a tramitación electrónica para o recoñecemento desta figura e das persoas silvicultoras activas, coa previsión de acadar as 100 agrupacións deica o ano 2025. Inés Santé apuntou que este procedemento voluntario de rexistro busca promover a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na prevención dos lumes.

En definitiva, segundo a directora xeral, con este conxunto de instrumentos perséguese crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación. Como exemplo deste tipo de accións, Inés Santé referiuse á implementada no monte Forgoselo, situado entre os concellos da Capela e de San Sadurniño, na contorna do parque natural das Fragas do Eume. Trátase dun exemplo de gandería de vacún en extensivo xestionada pola asociación de veciños da zona, e cuxa visita serve precisamente de punto final da xornada de hoxe.


Cooperación Leader

Na súa intervención, a directora xeral aproveitou para poñer en valor a colaboración dos grupos de desenvolvemento rural galegos para levar a cabo iniciativas conxuntas como “Son de monte”, un proxecto coordinado polo GDR Limia–Arnoia que busca asentar unha rede de centros de información e promoción da cultura do monte. A maiores deste grupo ourensán e da coruñesa Asociación Seitura 22, tamén están implicados na iniciativa a asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos, os grupos pontevedreses Condado Paradanta e Eu Rural e a asociación lucense Montes e Vales Orientais.
Segundo apuntou Inés Santé, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural financiou con preto de 500.000 euros ata sete proxectos de cooperación no marco da convocatoria resolta o ano pasado, ao abeiro da medida Leader. Estase a posibilitar así -dixo- que os grupos de desenvolvemento rural de Galicia poidan colaborar entre eles ou con outros de España, da Unión Europea ou de terceiros países en materias comúns relacionadas co desenvolvemento local.