Novas

05.05.2022
A Xunta pon de relevo a vintena de aldeas modelo aprobadas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria no 1º encontro de aldeas do século XXI que se celebra en Asturias
A Xunta pon de relevo a vintena de aldeas modelo aprobadas ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria no 1º encontro de aldeas do século XXI que se celebra en Asturias
Alejandro Sánchez de Dios destacou as posibilidades de dinamización social e económica que ofrece esta figura que xa está servindo para poñer en valor 19 núcleos de poboación galegos, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. No encontro, participan representantes do Goberno central e das comunidades asturiana, cántabra e galega, así como do executivo do veciño Portugal, para analizar o papel que xogan as aldeas na xestión do territorio ou da produción local

O subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, vén de debullar as particularidades e vantaxes das aldeas modelo recollidas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia como figura para dinamizar e fixar poboación no rural. Así o fixo no 1º Encontro de aldeas do século XXI que se celebra en Asturias entre hoxe e mañá, con relatorios e visitas de campo.

En concreto, o subdirector lembrou que xa están aprobadas un total de 19 aldeas modelo en Galicia, implementando deste xeito un dos principais instrumentos contemplados na norma que está a piques de cumprir un ano en vigor, xunto co dos polígonos agroforestais e o das agrupacións de xestión conxunta. Concibidas para recuperar, neste caso, contornas de núcleos poboacionais, as aldeas modelo buscan promover -segundo destacou- nova actividade económica no rural, aumentando a base territorial das explotacións e contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume. Tamén se referiu aos Espazos agrarios de experimentación, destinados á formación e experimentación de actividades agrarias de cara a lograr novas incorporacións ao sector primario nas aldeas.

Na súa intervención, Alejandro Sánchez de Dios puxo de relevo que todas as ferramentas contempladas na Lei de recuperación son voluntarias e buscan poñer a producir parcelas en estado de abandono ou infrautilización, máis aínda cando se calcula que existen máis de 500.000 hectáreas de terra agraria en Galicia sen aproveitar. Así, os seus propietarios poderán arrendalas mediante o Banco de Terras de Galicia a alguén que as precise -no caso que nos ocupa, aos adxudicatarios da actividade ou actividades elixidas para a aldea modelo en cuestión-, beneficiándose economicamente da súa xestión ao tempo que se aseguran de que as súas parcelas están limpas, co conseguinte avance de cara á prevención de lumes.


Aldeas do século XXI

Organizado por CTIC Rural Tech e polo executivo do Principado de Asturias, o 1º Encontro de aldeas do século XXI está a acoller as exposicións de representantes do Goberno central e das comunidades asturiana, cántabra e galega, así como da Administración do veciño Portugal e de distintas asociacións de veciños de aldeas de Asturias.

O obxectivo é analizar o papel que xogan estas aldeas na xestión do territorio, da biodiversidade, da paisaxe, das enerxías renovables ou da produción local de singularidades gastronómicas de alto valor engadido. A maiores, realizaranse visitas de campo ás aldeas asturianas participantes onde se están a desenvolver distintas iniciativas, para finalizar coas conclusións extraídas do encontro.