A secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural, Marta Vázquez, participou na apertura dun simposio sobre o uso de bioenerxía en comunidades enerxéticas rurais. A Consellería do Medio Rural lidera esta iniciativa, na que tamén participa a Axencia Galega da Industria Forestal, coa que se porán en funcionamento dúas redes de calor con caldeira de biomasa nos concellos de Monterrei e Cerdedo-Cotobade.
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, lidera o proxecto europeo Aldealix, que busca fomentar a sustentabilidade e a eficiencia enerxética das comunidades rurais. A secretaria xeral da Axencia, Marta Vázquez, participou hoxe na apertura do simposio sobre o uso de bioenerxía nas comunidades enerxéticas rurais celebrado na Cidade da Cultura, no que se contou con exemplos da implantación deste tipo de instrumentos en Alemaña.
Esta iniciativa inclúese dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep) e permitirá a instalación de dúas redes de calor con caldeira de biomasa, unha delas na aldea de Infesta, en Monterrei; e outra no concello de Cerdedo-Cotobade para dar servizo a diversos edificios públicos da localidade.
Ademais da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, este proxecto conta con outra serie de socios entre os que se atopan, por parte de Galicia, a Axencia Galega da Industria Forestal, Energylab e os concellos de Monterrei e Cerdedo-Cotobade, e por Portugal a Comunidade Intermunicipal Alto Tamega e Barroso e os municipios de Vila Pouca de Aguiar e o de Arcos de Valdevez.
Para o desenvolvemento de Aldealix, os socios dispoñen dun orzamento de algo máis de 2,4 millóns de euros dos cales o 75% proceden do Poctep. O proxecto preséntase como unha solución integral e innovadora das necesidades enerxéticas térmicas das aldeas, creando unha comunidade enerxética de biomasa local para que os seus habitantes poidan autoabastecerse enerxéticamente e se xere á súa vez un aforro económico, reforzando a viabilidade económica das súas actividades e tendo á súa vez un impacto positivo mediante a creación de postos de traballo.
