Novas

13.07.2022
A Xunta pon en valor as utilidades da Lei de Recuperación da Terra Agraria para as sociedades cooperativas
Inés Santé explicou as vantaxes da compra ou arrendamento de terreo, mediante figuras como os polígonos agroforestais e as aldeas modelo. Tamén lembrou que a Lei de recuperación inclúe medidas que favorecen a recuperación e reordenación das parcelas, como incentivos fiscais ou a posta en marcha dun Mapa de usos agroforestais e dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia de cara a facilitar a adquisición ou arrendamento de terreos no rural galego. Santé asistiu esta tarde en Cambados a un encontro coa Sociedade Cooperativa Horsal para informala de como poderían empregar a norma este tipo de entidades. Así, analizáronse as posibles fórmulas nas que apoiarse para que a cooperativa tivese unha produción propia, e evitar depender de xeito único dos cooperativistas membros.

Segundo explicou Santé, a Lei de recuperación da terra agraria, aprobada no mes de maio de 2021, alberga mecanismos e incentivos para contribuír á recuperación da maior cantidade de terreo posible. No relativo aos mecanismos, a norma inclúe os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, as agrupacións de xestión conxunta e as permutas de especial interese agrario, para garantir a rendibilidade e a seguridade xurídica para propietarios e destinatarios, xunto cos procedementos ordinarios de arrendamento a través do Banco de Terras e a posta en marcha do Banco de explotacións.

Así mesmo, esta normativa busca establecer orde no uso das terras de carácter agroforestal mediante a posta en marcha do Mapa de usos agroforestais, que reflectirá o uso das terras no momento da súa elaboración e servirá de base para a planificación das actuacións do conxunto dos órganos das administracións públicas, así como das entidades públicas ou privadas interesadas en todo o referente á ordenación e xestión de usos das terras agroforestais. Finalmente, Santé recordou a creación prevista na Lei de recuperación dun Catálogo de solos agropecuarios e forestais, que tratará de facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais.

A pesar de levar pouco máis dun ano en vigor, a directora xeral salientou que a Lei de recuperación xa trouxo consigo un impacto positivo no eido rural galego. Proba disto son as 19 aldeas modelo declaradas, xunto aos 10 polígonos forestais aprobados que, xunto aos outros cinco nas súas primeiras fases, buscan habilitar terras ata agora abandonadas ou nun estado de infrautilización para mellorar a actividade das explotacións agrícolas e forestais.