Novas

21.04.2023
A Xunta porá en marcha este ano o banco de explotacións no marco da Lei de recuperación para garantir a remuda xeracional no agro
A Xunta porá en marcha este ano o banco de explotacións no marco da Lei de recuperación para garantir a remuda xeracional no agro
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, abordou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e as ferramentas de posta en valor que contempla. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, respondeu a unha pregunta sobre a situación actual dos montes veciñais en man común.

A Xunta porá en marcha este ano o Banco de explotacións no marco da Lei de recuperación da terra agraria para garantir a remuda xeracional no agro. Así o afirmou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na súa intervención na Comisión 7ª do Parlamento. Neste sentido, implementarase unha aplicación informática para a xestión das explotacións incorporadas, co fin de poñer en contacto titulares de explotacións que abandonan a actividade con persoas interesadas en incorporarse.

De seguido, Santé lembrou que Galicia xa conta con 21 aldeas modelo declaradas que suman unha superficie de 574 hectáreas repartidas en 9.346 parcelas con 2.359 persoas propietarias. Oito destas aldeas xa contan con actividade gandeira en extensivo de vacún, porcino ou caprino e están en funcionamento.

No marco desta figura, tamén se referiu a iniciativas novidosas como o Espazo Agrario de Experimentación da aldea modelo de Muimenta, en Carballeda de Avia, onde se constituirán tres explotacións destinadas a tres actividades emprendedoras diferentes, centradas en cultivos de ciclo curto ou leñosos.

No referido aos polígonos agroforestais, un dos instrumentos de referencia da lei para a mobilización dunha maior superficie de terra, estase a traballar en 21 destes polígonos de iniciativa pública, dos cales 13 contan con acordo de inicio e 8 atópanse en fase de actuacións previas. Precisamente onte o Consello da Xunta declarou de utilidade pública e de interese social tres polígonos agroforestais en Larouco, Montederramo e Bóveda para poñer en valor preto de 300 hectáreas.

En total, son preto de 8.900 hectáreas mobilizadas grazas a esta ferramenta dos polígonos en toda a comunidade galega, máis de 26.400 parcelas e case 7.250 persoas beneficiadas.


Montes veciñais

Pola súa banda, José Luis Chan tratou a situación actual dos montes veciñais en man común. Na súa intervención, o director xeral aclarou que se ten unha relación actualizada destes montes, así como da súa situación estatuaria e dos actos de disposición aprobados.

Así mesmo, a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” incorpora nun dos seus eixos un programa de dinamización da xestión dos montes veciñais en man común que ten como primeira medida a elaboración dun informe con esta información. Este informe, que como definiu o director xeral “está avanzado”, está continuamente complementándose e permite identificar as limitacións clave para a dinamización da boa gobernanza destas comunidades.

Ademais, outro dos eixos deste Plan Forestal establece o Programa dixital galego de información e estatísticas forestais. Deste xeito, a información do sistema de rexistro forestal, complementada coa información espacial existente, sumada á que en breve producirá o Inventario Forestal Continuo de Galicia, porase á disposición da sociedade en xeral e dos axentes ligados ao sector.

Con todo, parte desta información xa está dispoñible na Oficina Virtual do Medio Rural desde o ano 2021, aínda que se está a traballar na mellora do rexistro de montes, segundo apuntou o director xeral.

José Luis Chan lembrou que a Consellería do Medio Rural publica regularmente diversas ordes de axuda para fomentar o avance das comunidades de montes veciñais en man común e a xestión forestal sostible dos seus montes, como a liña de achegas de impulso a boa gobernanza nas comunidades de montes, a orde de creación de superficies forestais, a orde de accións silvícolas ou a orde de instrumentos de ordenación ou xestión forestal.