Novas

15.03.2023
A Xunta prevé investir algo máis de 5,8 millóns de euros na nova concentración parcelaria decretada no concello de Boqueixón
A Xunta prevé investir algo máis de 5,8 millóns de euros na nova concentración parcelaria de Boqueixón
Este proceso prevé reorganizar 1.957 hectáreas nas zonas de Lamas-Loureda-Sergude-Vigo e beneficiar 1.195 propietarios e 136 explotacións agropecuarias. Esta parcelaria forma parte dos 28 decretadas en toda Galicia desde 2021, que abarcan máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 propietarios. Entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 titulares. Este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar os camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo esta mañá unha reunión informativa cos veciños beneficiados pola concentración parcelaria de Lamas-Loureda-Sergude-Vigo, no concello coruñés de Boqueixón. Este proceso prevé reorganizar unha superficie de 1.957 hectáreas divididas en 10.460 parcelas, propiedade de 1.195 veciños.

Así, a directora xeral sinalou que para levar a cabo este proceso, a Xunta ten previsto investir un orzamento de algo máis de 5,8 millóns de euros, co fin de mellorar a estrutura territorial da zona e beneficiar tamén as 136 explotacións agropecuarias existentes. Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, este proceso declárase mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción.

Este proceso forma parte das 28 concentracións decretadas pola Xunta desde o ano 2021 e ata a actualidade. Suporán a reestruturación de máis de 22.800 hectáreas distribuídas en case 110.000 parcelas de algo máis de 16.000 titulares. Para isto, a Consellería ten asignados 17 millóns de euros nos orzamentos de 2023 para seguir traballando nestes procesos de reestruturación. Ademais, este ano impulsarase un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias que estará dotado con 6 millóns de euros en 2023.

Nesta liña, entre os anos 2020 e o que levamos de 2023 rematáronse 25 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan un total 18.000 hectáreas, beneficiando preto de 12.500 propietarios que recibiron máis de 28.000 títulos de propiedade. O obxectivo é acadar a trintena de procesos -tanto decretados como finalizados- no primeiro semestre deste ano.

Ademais, xunto coas parcelarias, seguiranse impulsando tamén os procesos que pon a disposición a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Desde a entrada en vigor da norma, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas no concello de Friol, na provincia de Lugo.