Novas

12.04.2026
A Xunta reafirma o seu compromiso co sector vitivinícola galego na XLIV Exaltación do Viño da Ulla
La Xunta reafirma su compromiso con el sector vitivinícola gallego en la XLIV Exaltación do Viño da Ulla

María José Gómez destacou que o apoio materialízase cun investimento anual de arredor de 12 millóns de euros en axudas para modernizar cultivos e facelos máis sustentables, para a elaboración e a comercialización, así como para promoción, entre outros. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fixo referencia “á compoñente cultural que leva engadida este sector tan arraigado”. O pregoeiro desta edición foi o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen salientou o enoturismo como a oportunidade para poñer en valor a paisaxe, o patrimonio e as persoas nunha aposta por un modelo sostible e auténtico.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor os viños da Ulla dentro da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas e reafirmou o compromiso da Xunta con este eido, que se materializa a través de diversas vías, entre elas un investimento anual de arredor de 12 millóns de euros. Estes fondos, subliñou, destínanse a iniciativas para modernizar viñedos e facelos máis sustentables, para a elaboración e a comercialización, así como para a promoción deste eido, entre outros obxectivos.

A conselleira interveu no marco da XLIV Festa de Exaltación do Viño da Ulla, que se celebra en Vedra e á que tamén asistiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ambos estiveron acompañados polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles -pregoeiro nesta edición-; e pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.

Neste contexto, a titular de Medio Rural salientou que o viño da Ulla ten “un estilo propio” dentro da DO Rías Baixas, e destacou o seu “corpo e equilibrio”, así como os seus “sabores de froita madura”. Puxo de relevo, asemade, o feito de que dende o ano 2000 se conseguise a integración desta subzona dentro de Rías Baixas, cuestión que lle confire altos estándares de calidade.

A conselleira definiu ademais a viticultura galega como “paisaxe, economía, traballo e futuro” e cualificou aos axentes deste sector como “os mellores representantes desa Galicia Calidade da que nos sentimos tan orgullosos”.

Nesta mesma liña o responsable de Cultura referiuse á “compoñente cultural que leva engadida este sector tan arraigado na Comunidade” e, concretamente, á celebración deste tipo de festas “como símbolo da nosa identidade colectiva”.


Atractivos turísticos de Vedra

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, foi o encargado de ler o pregón desta edición da Festa da Exaltación do Viño da Ulla. Durante a súa intervención, referiuse ao enoturismo como unha oportunidade para “poñer en valor a paisaxe, o patrimonio e as persoas”, aludindo ás características que complementan o viño da ribeira do Ulla como atractivo turístico. Neste sentido, subliñou  que propostas como as de Vedra exemplifican á perfección esta visión, onde “cada visitante que percorre os viñedos, degusta un albariño da ribeira do Ulla ou camiña polos xardíns históricos” está a contribuír activamente ao desenvolvemento do territorio. Trátase dun modelo sostible que conecta coas novas demandas do viaxeiro, combinando experiencia, autenticidade e identidade.

Do mesmo xeito, “a Festa de Exaltación do Viño da Ulla non é só unha celebración de produto; é unha celebración de persoas, de esforzo, de historia e de futuro”, converténdose nun exemplo claro do valor das festas de exaltación dentro da estratexia turística galega. En conxunto, salientou que eventos deste tipo consolidan Galicia como un destino singular, onde tradición e innovación se dan a man para ofrecer experiencias memorables arredor dos seus produtos máis representativos.

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas