A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou esta tarde na mesa redonda Oportunidades de negocio no rural organizada pola asociación Semente Ribeira Sacra co apoio do Goberno autonómico. Durante a súa intervención, Rodríguez lembrou as iniciativas postas en marcha pola Xunta con este obxectivo, como as achegas para fortalecer o emprego en sectores non agrícolas, o Plan Camiña Rural ou o compromiso coa mobilización da terra.
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou esta tarde na mesa redonda Oportunidades de negocio no rural organizada pola asociación Semente Ribeira Sacra co apoio da Consellería do Medio Rural, que tivo lugar no Centro do Viño da Ribeira Sacra. Alí, a directora xeral reafirmou o compromiso do Goberno autonómico por seguir impulsando o desenvolvemento social e económico das contornas rurais da comunidade.
Durante a súa intervención, Paz Rodríguez lembrou as diferentes iniciativas postas en marcha pola Xunta con este obxectivo. Neste sentido, fixo referencia ás achegas deseñadas de xeito específico para fortalecer o emprego no rural en sectores non agrícolas, que veñen de resolverse cun orzamento de 2,1 millóns de euros que permitirán axudar a 41 proxectos, consolidar 474 postos de traballo e crear 39 novos empregos.
Mencionou tamén o Plan Camiña Rural, que ten como fin ampliar, acondicionar e conservar a rede de camiños de titularidade municipal de todos os concellos de Galicia, para mellorar así a calidade de vida da poboación rural.
Por último, destacou que o Executivo autonómico mantén unha aposta firme coa mobilización e reestruturación de terra na comunidade. Así, no marco deste compromiso, desde o ano 2020 a Xunta rematou un total de 39 concentracións parcelarias, que abranguen unha superficie total de máis de 27.000 hectáreas e beneficiaron preto de 20.460 propietarios.
