Novas

07.05.2024
A Xunta recoñece o futuro Centro de Día de Cedeira como unha panca de acción para dinamizar a contorna e mellorar a calidade de vida da veciñanza
futuro Centro de Día de Cedeira
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou unha visita ás obras do centro, un dos 318 proxectos beneficiados pola medida Leader. Santé e Aneiros puxeron en valor esta iniciativa, que conta cunha axuda de 135.000 €, e que ten como obxectivo favorecer as adecuadas condicións de vida das persoas maiores e os seus familiares.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, realizou esta mañá unha visita ás obras do Centro de Día de Maiores situado no concello coruñés de Cedeira. Esta iniciativa, que conta cunha achega de 135.000 euros, é un dos 318 proxectos beneficiados pola última convocatoria das axudas da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014–2020.

Este centro de día para persoas maiores é apoiado polos fondos designados ao Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 22, que ten como ámbito de actuación preferente os concellos das comarcas do Eume, Ferrol e Ortegal. Trátase dunha instalación de acollida diúrna non residencial. O seu obxectivo principal é favorecer as adecuadas condicións de vida das persoas maiores e os seus familiares, co fin de acadar o maior nivel posible de autonomía para os usuarios.

Santé e Aneiros puxeron de relevo esta iniciativa salientando o seu labor como panca de acción dinamizadora da contorna, xa que satisfai as necesidades da veciñanza e mellora as súas condicións de vida. Actualmente, o centro atópase na fase final de construción.


O programa Leader

O programa Leader persegue a aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando os recursos e actores, tanto económicos como humanos, que existan na comarca de actuación. Na liña de asegurar a participación da sociedade rural, constituíronse os GDR, entidades sen ánimo de lucro, con socios públicos e privados, que seleccionan os proxectos dentro das estratexias elaboradas polo grupo e aprobadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Estes grupos contan cun enfoque multisectorial e traballan co obxectivo de contribuír a un desenvolvemento rural equilibrado, incluíndo a creación e a conservación de emprego.