Novas

11.03.2022
A Xunta reitera no Parlamento a súa aposta pola sustentabilidade da actividade agropecuaria na comarca da Limia

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os directores xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal asistiron á Comisión 7ª. Inés Santé puxo en valor os case 36 millóns de euros que se investirán nesta bisbarra ourensá por parte da Xunta e do Estado, uns fondos conseguidos grazas ás xestións levadas a cabo por parte do Goberno galego. Destes fondos, uns 16 millóns serán para modernizar o regadío, preto de catro -aportados pola Xunta- para a construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería perante Madrid para a limpeza das canles e dos camiños paralelos. O director xeral de Defensa do Monte fixo balance dos lumes rexistrados no 2020 e no 2021. O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal deu conta do traballo que realiza a Consellería para poñer couto ás plantacións ilegais e a outros incumprimentos no eido forestal

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, asistiu esta mañá á Comisión 7ª do Parlamento, onde respondeu a unha pregunta sobre as actuacións que se van desenvolver para potenciar o sector agrario da Limia. Alí, Santé destacou que a Xunta mantén unha clara aposta pola sustentabilidade da actividade agropecuaria nesta bisbarra ourensá e puxo en valor os case 36 millóns de euros que se investirán na comarca por parte da Xunta e do Estado.

Destes fondos, sinalou a directora xeral, preto de 16 millóns servirán para modernizar o regadío, outros case catro millóns -aportados pola Xunta- serán para a construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga -para as comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia- e os 16 restantes foron xestionados pola Consellería do Medio Rural perante o Estado, de forma adicional, para a limpeza das canles e dos camiños paralelos, co fin de asegurar a drenaxe e o correcto funcionamento do sistema hídrico da zona.

Todas estas obras están contempladas no Plan estratéxico do sector agrario da comarca, elaborado pola Consellería xunto cos diferentes axentes da comarca, que ten como finalidade lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos, reducir a concentración de nutrientes nas augas e xerar emprego e fixar poboación na Limia.

Ademais, Inés Santé tamén destacou os 600.000 euros que destina a Consellería, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense, para a reparación de camiños na comarca. Mediante estas obras vanse a reparar un total de 77 camiños de 12 concellos da comarca, onde xa está executado o 75% dos fondos.

Por último, a directora xeral subliñou que o propio Plan estratéxico do sector agrario da Limia ten como obxectivo xeral reorientar a produción agraria desta comarca cara a un modelo máis sostible, reducindo a contaminación de augas e solos. Neste senso, na elaboración do Plan incluíse un balance teórico de nutrientes, para o que se propón incrementar as superficies de cultivos existentes na comarca para absorber ese nutrientes.

Así, Santé explicou que se levará a cabo un proxecto de mobilización de terras, a través da Lei de recuperación, para incrementar a produción de forraxes e pastos para gandería extensiva, aproveitando sobre todo os montes veciñais da comarca para producir cereais que sirvan de alimento para a cabana gandeira de Galicia. Tamén se buscará poñer en produción novas terras que actualmente están abandonadas nesta comarca, tamén para producir alimentos para o gando ou para a súa transformación en pasteiros. Desta forma, coa posta en marcha de novos proxectos de recuperación e mobilización de terras agrarias, a Consellería prevé poñer a disposición dos gandeiros en extensivo máis superficie agraria útil coa que reducir tamén os seus custos de produción.

 

Defensa do Monte

Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, analizou a superficie afectada polos incendios forestais en Galicia nos anos 2020 e 2021. Así, trasladou que no 2020 un total de 1.527 lumes afectaron 14.823,92 hectáreas e no 2021 rexistráronse 951 lumes, que afectaron 4.404,40 hectáreas.

Durante a súa intervención, o director xeral destacou o traballo e profesionalidade do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestal e indicou que a distribución deste persoal vén recollida anualmente no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).

Por último, referente á publicación do mapa de riscos de incendios forestais, Manuel Rodríguez indicou que está incorporado no Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia, coñecido como Peifoga, o cal incorpora como anexo os mapas de perigo local e vulnerabilidade, así como o mapa de índice de risco potencial, por provincia e para toda a comunidade autónoma, co fin de facilitarlle aos medios e á propia poboación datos sobre as posibilidades de risco dun incendio forestal debido ás condicións climatolóxicas.

 

Incumprimentos no eido forestal

Respecto ao Plan forestal de Galicia 2020-2040 “Cara a neutralidade carbónica”, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, quixo aclarar que dito plan incluíu máis de 100 directrices establecidas no grupo de traballo, que estaba constituído por 26 asociacións e actores do sector. Ademais, foi remitido e analizado en dúas ocasións polo Consello Forestal de Galicia, ademais de dúas exposicións públicas para recibir achegas doutros organismos interesados na elaboración deste plan. Por último, pasou o trámite parlamentario, non sendo obrigatorio, para ter tamén en conta as valoracións dos demais grupos parlamentarios. Con todo, o director xeral quixo deixar claro que a tramitación deste Plan forestal de Galicia foi totalmente exhaustiva e pública.

Respecto ás cortas, José Luis Chan sinalou que as talas que se fixeron no ano 2021 recuperaron as taxas de extracción de madeira semellantes aos anos anterior á pandemia, é dicir, aos de 2018 e 2019, cun mercado actual á alza que pon en valor a madeira de coníferas.

Doutra banda, o director xeral deu conta do traballo que realiza a Consellería para poñer couto ás plantacións ilegais e a outros incumprimentos no eido forestal. Así, sinalou que no último trienio se tramitaron preto de 6.000 apercibimentos, que dan a oportunidade aos afectados a reverter as accións sen ter sanción económica, e abríronse algo máis de 2.000 expedientes sancionadores en diversos materias vinculadas ao eido forestal, tales como cortas ilegais, incumprimentos a distancias de terreos, cambios de actividade, etc.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas