Na apertura do acto, José González puxo en valor a presenza maioritaria da muller galega á fronte de explotacións agrogandeiras, xa que o número delas titulares na nosa comunidade supera o 50 %, moi por riba do 22,6 % da media nacional. Pola súa banda, Elena Rivo lembrou na clausura do evento que a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento económico e á igualdade de Galicia é inmensa e merece ser celebrada. Alma Rural, promovida por ambos departamentos do Goberno galego, celebrouse no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada, na véspera do Día internacional das mulleres rurais.
O conselleiro do Medio Rural, José González, sinalou hoxe que todas as políticas da Xunta a prol do rural galego son representativas da presenza da muller neste ámbito. Así, na súa intervención de apertura de Alma Rural, o conselleiro lembrou que o colectivo feminino está presente nas axudas do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia cunha prioridade nos criterios de valoración para a concesión das achegas. Unhas axudas destinadas a apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas, para a creación de empresas por agricultores mozos ou para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
José González estivo acompañado neste acto pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. O titular de Medio Rural puxo tamén en valor a presenza maioritaria da muller galega á fronte de explotacións agrogandeiras, xa que o número delas titulares na nosa comunidade supera o 50 %, moi por riba do 22,6 % da media nacional, remarcou.
Ademais, o conselleiro trasladou que “a historia de Galicia non se entende sen a historia particular das mulleres” e puxo en valor a súa contribución ao avance social como “loitadoras, emprendedoras, formadas, dinámicas e innovadoras”. Engadiu que “sosteñen o ceo cunha man, para cultivar a terra coa outra” e que cultivan a paisaxe, o espírito e a cultura. Por iso, avogou para seguir cultivando o feminismo, “coa limpeza do camiño da igualdade e cun desenvolvemento do rural en equidade”. A maiores, José González salientou que Alma Rural é froito da colaboración entre as consellerías de Promoción do Emprego e Igualdade e do Medio Rural, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Contribución das mulleres
Precisamente, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, foi a encargada de clausurar o acto, lembrando que a contribución das mulleres rurais ao desenvolvemento económico e á igualdade de Galicia é inmensa e merece ser celebrada. As mulleres rurais, dixo Rivo, constitúen a columna vertebral da economía local, como preservadoras da terra e das tradicións e como motoras da actividade.
Rivo destacou, neste eido, que as mulleres dos núcleos menos poboados son “parte activa” no emprendemento rural ao aportar o seu talento en favor do emprego igualitario e do traballo respectuoso co medio. A presenza feminina entre os usuarios da Rede autonómica de emprendemento é xa maioritaria, indicou a representante autonómica, quen quixo subliñar o rol deste colectivo como axente de cambio e por situar a loita pola igualdade e contra a violencia de xénero entre as súas prioridades.
Galicia conta co VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades 2022-2027 e está a tramitar a nova Lei da igualdade que sitúan no centro das políticas as necesidades da muller rural e resaltan as súas contribucións ao crecemento de Galicia. Desde a Administración autonómica estase ademais a reforzar a cualificación profesional destas persoas con atención á mellora das súas competencias dixitais e ás traballadoras máis vulnerables.
Visibilidade
Alma Rural pretende dar visibilidade e fomentar a creación de novos proxectos no rural por parte do colectivo feminino, así como valorar os xa existentes, poñendo de relevo estas iniciativas e tamén ás mulleres que foron quen de idealas e executalas. A través desta terceira edición, Alma Rural seguiu apostando por aumentar a plataforma de mulleres que viven e traballan no medio rural e por facilitar a posta en común de experiencias e inquietudes deste segmento tan importante da poboación galega.
O programa do evento, que se celebrou no pazo de Xerlís, no concello pontevedrés da Estrada, na véspera do Día internacional das mulleres rurais, incluíu diferentes relatorios e mesas redondas con participación de representantes da administración pública e da sociedade civil. A maiores, acolleu tamén unha actuación musical e un petisco galego, coa degustación de produtos de calidade da nosa comunidade autónoma.
