Novas

26.06.2024
A Xunta valora o papel dos Grupos de Desenvolvemento Rural e demostra o apoio a estas entidades cun incremento dos seus fondos en preto de 4 M€ este ano
A Xunta valora o papel dos grupos de desenvolvemento rural

Así o reafirmou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, na presentación da ferramenta web aldeasvivas.gal, promovida pola Federación Galega de Municipios e Provincias e o GDR Montes e Vales Orientais. Subliñou, neste sentido, que precisamente hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia a ampliación en case 4 millóns de euros do crédito destinado pola Consellería do Medio Rural a estas entidades para a anualidade 2024.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participou esta mañá na presentación da ferramenta web aldeasvivas.gal, promovida pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais.

Neste acto, a responsable da devandita axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, puxo en valor o labor dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) como entidades dinamizadoras dos territorios e o seu papel como prospectores e captadores de recursos para o seu desenvolvemento socioeconómico. Ademais, destacou tamén as sinerxías entre os GDR e as administracións públicas -no caso concreto deste proxecto, a administración local, a través da Fegamp- a prol do desenvolvemento rural.

Nesta liña, Paz Rodríguez reafirmou o apoio da Xunta ao traballo dos GDR e subliñou, neste sentido, que precisamente hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia a ampliación en preto de 4 millóns de euros do crédito destinado pola Consellería do Medio Rural a estas entidades para a anualidade 2024, co fin de impulsar ese labor no territorio. Trasladou ademais que, desta forma, increméntase a achega total para estes grupos ata superar os 19,2 millóns de euros, na convocatoria Leader 2023/2024.


Proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente

A ferramenta web aldeasvivas.gal enmárcase no proxecto Montes e Vales Orientais Territorio Intelixente, concibido para contribuír a xerar un ecosistema de oportunidades de innovación para a transformación das aldeas en espazos para a vida, o emprego e a autonomía. Trátase dunha iniciativa financiada pola Secretaría General para el Reto Demográfico-Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

O proxecto contempla a posta en marcha do Centro Comarcal de Innovación, Emprendemento e Participación Social, como infraestrutura básica de recursos humanos para o desenvolvemento intelixente do territorio, un proxecto piloto de vídeo asistencia socio-sanitaria a maiores e a promoción da dispoñibilidade de vivenda de alugueiro para permitir a permanencia dos mozos e o asentamento de novos poboadores, mediante un plan específico de retención, captación e integración de poboación no territorio.

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas