Novas

11.06.2025
Monterrei acolle unha xornada para explorar fórmulas de dinamización sociocultural para atraer poboación a territorios rurais
Cartel

Organizada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, forma parte dun programa de oito visitas de intercambio técnico promovidas polo consorcio do proxecto europeo PAISACTIVO – Paisaxes cortalumes en Galicia e Portugal. A mañá pecharase cunha visita ás actuacións desenvolvidas na aldea de Infesta no marco dos proxectos POCTEP Aldealix e PAISACTIVO. O último encontro terá lugar o venres no Monte Veciñal en Mancomún (MVMC) de Baroña, (Porto do Son, A Coruña, Galicia), da que será anfitrioa a Fundación Juana de Vega.

A Casa do Concello de Monterrei acollerá este xoves, 12 de xuño (10:00 – 13:30h) a penúltima visita de intercambio técnico entre pares (peer to peer) organizada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, entidade beneficiaria e líder do proxecto europeo PAISACTIVO – Paisaxes cortalumes. Baixo o título de “Cohesión social: habitabilidade, emprego, servizos”, o encontro abrirá un diálogo entre axentes locais, técnicos e institucións públicas para explorar novas fórmulas de dinamización sociocultural que atraian poboación aos territorios rurais.

A partir das 10:00h, José Luís Suárez Martínez, alcalde de Monterrei, e Ana María Villarino Pardo, alcaldesa de Oímbra, intervirán nunha mesa redonda para falar sobre o papel dos concellos na dinamización rural, moderada por Mar Pereira Álvarez, subdirectora de Promoción Internacional da Axencia. A continuación, Ana Pardo Pardo, xerente do GDR Monteval, presentará iniciativas innovadoras xa asentadas no territorio da man dos seus promotores.

A mañá pecharase cunha visita ás actuacións desenvolvidas en Infesta no marco dos proxectos POCTEP Aldealix e PAISACTIVO. En concreto, en Infesta o plan de mellora ambiental e paisaxística centrouse en acondicionar  case 7 hectáreas de masa forestal e substituír invasoras por máis de 3.000 carballos e castiñeiros. Tamén se melloraron 4.250 metros de camiños rurais.

A xornada de tarde dedicarase a cuestións técnicas do consorcio de PAISACTIVO que, ao día seguinte, venres 13, se volverá reunir na última visita de intercambio técnico na sede da MVMC de Baroña (Porto do Son, A Coruña). Este encontro, do que será anfitrioa a Fundación Juana de Vega, poñerá o foco na gobernanza comunitaria, a planificación estratéxica e a dinamización territorial baseada na colaboración público-privada.


Oito visitas P2P no Norte de Portugal

Entre finais de abril e mediados de xuño, o consorcio do proxecto PAISACTIVO organizou 8 visitas de intercambio técnico entre pares (peer to peer) en distintos territorios de Galicia e Portugal para que os socios puidesen compartir en persoa os seus coñecementos, experiencias e capacidades en xestión activa do espazo rural, consolidando o co-aprendizaxe entre os equipos responsables dos instrumentos normativos estudados; fundamentalmente a Lei de Recuperación da Terra Agraria de Galicia e o Programa de Transformação dá Paisagem de Portugal.

O programa das visitas abarcou cuestións diversas como a xestión activa da paisaxe na economía rural, a prevención e consecuencias dos incendios forestais, sobre todo en áreas protexidas; as ferramentas de ordenación territorial para xestión de terras, a figura dos novos entrantes, a dinamización sociocultural para atracción de poboación ou os procesos de participación pública para mellorar a contorna.

A aprendizaxe adquirida estes dous meses, xunto co diagnóstico do marco estratéxico e boas prácticas internacionais revisadas en 2024, serán as bases nas que se asentará o futuro Plan Territorial Modelo de PAISACTIVO. Este documento será o marco metodolóxico de planificación e acción, que terá unha estrutura común de carácter transfronteirizo para a súa aplicación nas dúas aldeas piloto do proxecto: Infesta, en Galicia, e Almofrela, no norte de Portugal.


Que é PAISACTIVO?

PAISACTIVO pretende crear unha rede transfronteiriza de iniciativas exemplares en Galicia e Portugal que demostren novas formas de vivir, traballar e coidar os espazos rurais, combinando innovación social, recuperación patrimonial, conservación da biodiversidade e creación de valor local.

O consorcio que impulsa este proxecto está formado por 8 entidades beneficiarias. Coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, os socios galegos son a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Fundación Juana de Vega e o Concello  de Monterrei (Ourense). Por parte de Portugal participan a Comunidade Intermunicipal do Tâmega e Sousa, a Câmara Municipal de Baião, a Faculdade de Letras da Universidade de Porto (FLUP) e a Direção-Geral do Território (Governo de Portugal).

PAISACTIVO está financiado ao 75% polo Programa de Cooperación Interreg POCTEP 2021-2027 e ten un orzamento total de 1.581.486,26€

 

 

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas