Novas

16.12.2022
A Xunta aproba as guías definitivas de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para as aldeas modelo de Osmo en Cenlle e de Muimenta en Carballeda de Avia
A Xunta aproba as guías definitivas de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para as aldeas modelo de Osmo en Cenlle e de Muimenta en Carballeda de Avia
Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas poden consultar as guías nos taboleiros de anuncios dos concellos pertinentes ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, polas que se aproban de forma definitiva as guías de ordenación produtiva das aldeas modelo de Osmo (Cenlle) e de Muimenta (Carballeda de Avia).

Estas guías de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

Así, a aldea modelo de Osmo, en Cenlle, abrangue un perímetro de 18,32 hectáreas arredor do núcleo de poboación que se busca dinamizar, distribuídas en 153 parcelas de 48 propietarios. Na súa guía definitiva de usos establecéronse como actividades principais a explotación porcina en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto e o viñedo. Como actividade secundaria, a plantación de árbores para obtención de froito.

Mentres, a aldea de Muimenta, en Carballeda de Avia, abrangue unha superficie de 29,1 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 1.660 parcelas de 241 propietarios. Na súa guía produtiva apóstase, como actividades principais, por un sistema agroforestal, combinando prácticas de aproveitamento do monte con agricultura, así como por cultivos de ciclo curto. As actividades secundarias son a xestión forestal activa, priorizando a protección das masas de frondosas, e os cultivos leñosos, tales como viñedo, oliveiras ou froiteiras.

Ademais, cómpre destacar que nunha parte da aldea modelo de Muimenta aprobouse por parte da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a declaración do primeiro Espazo Agrario de Experimentación. Trátase dunha figura nova creada pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que busca facilitar que persoas mozas ou emprendedoras poidan probar o seu negocio nunha contorna favorable, tendo á súa disposición terras de aldeas modelo, así como as instalación necesarias para o desenvolvemento da correspondente actividade agraria. Neste caso, falamos dun espazo agrario que estará destinado á agricultura ecolóxica, especialmente a cultivos de horta

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelo poden consultar as guías correspondentes nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo ou na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.