O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que fai oficial unha nova edición dos galardóns da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que contarán cun primeiro premio de 10.000 euros e un segundo de 3.000. Nesta edición establécense seis categorías: mocidade, proxectos de interese social, sector agro-gandeiro, mulleres, innovación tecnolóxica e recuperación e posta en valor da terra agraria. Entre os criterios de valoración destacan o impacto socio-económico no territorio, a creación de emprego, a sustentabilidade ambiental ou a inserción laboral da muller e de colectivos desfavorecidos, entre outros.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se aproban as bases dos Premios ao Desenvolvemento Rural de Galicia e se convocan na súa 16ª edición. Estes galardóns buscan recoñecer e difundir iniciativas que contribúan a promover o medio rural e a construír unha sociedade rural máis dinámica e con maior cohesión. O prazo de solicitude é dun mes, contado desde mañá, 29 de xullo.
Nesta edición, cunha dotación de 10.000 euros para o primeiro premio e 3.000 para o segundo, mantéñense as seis categorías. A primeira é Mocidade, para iniciativas de persoas mozas ou dirixidas a elas que apostan polo futuro do rural galego. Séguelle a de Proxectos de interese social, que promoven a integración de colectivos vulnerables ou coidado de maiores e dependentes; e a de Sector agro-gandeiro, que valora propostas nos ámbitos agrícola, gandeiro ou agroalimentario cun enfoque innovador.
As outras tres categorías son Mulleres, destinada a iniciativas lideradas por ou dirixidas a mulleres no rural que promovan a igualdade e o emprendemento; Innovación tecnolóxica, para proxectos que incorporen tecnoloxía en procesos ou servizos, e Recuperación e posta en valor da terra agraria, centrada na recuperación de terras infrautilizadas.Os criterios de valoración inclúen o impacto socio-económico no territorio, a creación de emprego, a sustentabilidade ambiental, a inserción laboral da muller e de colectivos desfavorecidos, o apoio social, a innovación, a orixinalidade e o feito de desenvolverse nun concello en risco de despoboamento, entre outros.
As propostas deberán estar localizadas en Galicia e estar finalizadas antes da publicación da convocatoria, non admitíndose aquelas en fase de deseño ou execución. Quedan excluídas as iniciativas xa premiadas en anteriores edicións ou noutros premios da Axencia, así como as relacionadas cos sectores da pesca, a acuicultura, a exportación ou as presentadas por entidades colaboradoras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250728/AnuncioO90-150725-0001_gl.html
