Novas

28.03.2025
A Xunta inviste máis de 900.000€ no concello de Monterrei en proxectos innovadores para o desenvolvemento sostible do rural
A Xunta inviste máis de 900.000€ no concello de Monterrei

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou a aldea de Infesta, epicentro de varios proxectos piloto de mellora da eficiencia enerxética e xestión sostible do territorio para reducir o risco de incendios. A Axencia impulsa a colaboración entre diversas entidades para fomentar a transición enerxética e verde na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, acompañada polo alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, visitou esta mañá a aldea de Infesta, situada nesta localidade ourensá. Nela, puido comprobar os avances dos proxectos europeos de innovación que alí se están a levar a cabo para un desenvolvemento sostible do rural, cun investimento de máis de 900.000 euros.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lidera varios proxectos financiados polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP). Un deles é Aldealix, que busca fomentar a sustentabilidade e a eficiencia enerxética en comunidades rurais mediante o uso de biomasa forestal para xerar calor, cun enfoque en zonas transfronteirizas entre Galicia e o norte de Portugal.

Esta iniciativa conta con oito socios, entre os que se atopan por parte de Galicia a propia Axencia dependente da Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega da Industria Forestal, Energylab e os concellos de Monterrei e Cerdedo-Cotobade, e por Portugal a Comunidade Intermunicipal Alto Tamega e Barroso e os  municipios de Vila Pouca de Aguiar e o de Arcos de Valdevez.

Este proxecto atópase en fase de construción da rede de calor con caldeira de biomasa para dar servizo de calefacción a 33 vivendas da propia aldea, cun investimento de algo máis de 780.000 euros, como unha alternativa para producir enerxía de proximidade e promover a autosuficiencia enerxética a partir do aproveitamento da biomasa que se xera localmente, á vez que se reduce o risco de incendios forestais.

Por outra banda, en Infesta estase a desenvolver o proxecto Paisactivo, centrado en aumentar a resiliencia do territorio fronte ao risco de incendios, mellorando a xestión sostible das terras agroforestais e protexendo os asentamentos rurais. Nesta iniciativa, ademais da Axencia, participan tamén a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Monterrei, a Comunidade Intermunicipal Tamega e Sousa, a Direção-Geral do Território e o municipio de Baiao.

A través deste proxecto, e dun investimento de case 130.000 euros, na aldea de Infesta estanse a levar a cabo intervencións de restauración e mellora paisaxística, así como de renovación e rehabilitación en liña coa New European Bauhaus, que consisten principalmente en traballos de roza e eliminación de acacia (Acacia dealbata), poda de masas arboradas, repoboación con frondosas autóctonas (Quercus robur e Castanea sativa) e reposición de peche cinexético.

Por último, esta aldea de Infesta está declarada como proxecto de recuperación de terras ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia en fase de posta en produción dos terreos, nos que case oito hectáreas de superficie se acondicionarán para viñedo, amparados pola Denominación de Orixe Monterrei.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas