Plan estratéxico de actuación integral para a recuperación, dinamización e valorización territorial da área suroriental de Ourense

Dentro dos obxetivos prioritarios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está o de deseñar e implementar estratexias e plans integrais para o desenvolvemento e xestión do territorio rural que coordinen actuacións de diversa natureza e conten coa participación dos axentes socioeconómicos.

A provincia de Ourense é unha das máis castigadas polos lumes de maneira recorrente, especialmente a área transfronteiriza do sur. Ás importantes perdas no patrimonio medioambiental resultantes desta lacra, engádese o impacto que pode ter no turismo destas áreas, pola destrución da paisaxe como consecuencia do lume.

Por outra banda, o medio rural constitúe un patrimonio esencial para o desenvolvemento sostible dun país. A súa supervivencia esixe unha loita global contra os incendios forestais, que constitúen unha grave ameaza para calquera política de desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sustentabilidade económica e social de Galicia. Tendo en conta esta realidade, a política de desenvolvemento do medio rural debe comprometer a todas as administracións e axentes do territorio.

pei_ourense_mapa_concellos.png


Ámbito do plan

O ámbito de estudo recolle os límites municipais dos seguintes concellos: Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña e A Mezquita.

Estes concellos teñen unha serie de particularidades, entre elas, ser unha área de ambiente  mediterráneo, ben comunicada pola autovía A-52 e a nova estación do AVE na Gudiña, cunha excelente calidade do viño da DOP Monterrei, plantacións de castiñeiros e con potencial turístico a desenvolver en torno a recursos importantes como a Vía da Prata ou o Castelo de Monterrei. Todo isto permite facer un estudo e planificación do territorio de xeito integral, coa recuperación da terra agraria e o desenvolvemento turístico como eixos vertebradores, baixo o prisma da dinamización económica rural sostible e nun escenario futuro de cambio climático.


Obxecto

O obxecto fundamental do plan é dinamizar e valorizar a área suroriental da provincia de Ourense a través dunha planificación e xestión territorial integrada que poña o foco na xestión da paisaxe como mecanismo de prevención de lumes e que impulse ademais un desenvolvemento sostible do territorio, cos seguintes obxectivos:

- Creación de comunidade de xestión e dinamización territorial.
- Mitigación do risco de incendios forestais.

A xestión territorial sostible céntrase nos seguintes principios que actúan como punto de partida para elaborar o plan estratéxico:

- A recuperación, mantemento e promoción da actividade agrícola e gandeira sostible.
- O valor multifuncional do monte e a xestión forestal sostible como base de actuación fronte aos incendios forestais.
- A posta en valor de produtos agrogandeiros e forestais do territorio, incluíndo os servizos ecosistémicos que proveen á sociedade.
- A conservación das áreas de maior valor ambiental en consonancia coas actividades produtivas.
- Posta en valor da paisaxe e os recursos turísticos e patrimoniais do territorio como motor de dinamización rural.

No proceso de elaboración do Plan participan 14 entidades: A Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo (Axencia de Turismo de Galicia), A Consellería do Medio Rural, A Deputación de Ourense, O Concello de Cualedro, O Concello de Monterrei, O Concello de Oímbra, O Concello de Verín, O Concello de Laza, O Concello de Castrelo do Val, O Concello de Vilardevós, O Concello de Riós, O Concello de A Gudiña, O Concello de A Mezquita e A Fundación Juana de Vega. O Plan, que se elaborará baixo os obxetivos marcados pola Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, deseñará accións e proxectos que contribúan a xerar actividade económica capaz de fixar poboación neste territorio e fomentar a súa recuperación, dinamización e posta en valor, incrementando de xeito paralelo a resiliencia fronte ao lume.


Actividades

1. Delimitación dos ámbitos territoriais do Plan e identificación dos axentes implicados no territorio.
2. Análise e diagnóstico territorial.
3. Análise da casuística dos incendios.
4. Catálogos de solos agropecuarios e forestais do ámbito do plan.
5. Planificación de áreas cortalume.
6. Liñas ou eixos estratéxicos e programa de actuacións.


Proceso de participación

O deseño deste Plan contará cun intenso proceso de participación pública que incluirá unha combinación de varios tipos de accións:

Entrevistas: a realización de entrevistas a axentes clave ou coñecedores das cuestións aporta unha información de calidade e a posibilidade de transmisión e difusión do proceso. A selección dos axentes entrevistados fundaméntase nas categorías do Mapa de Axentes Clave que trata de acadar unha representación efectiva dos diversos tipos de perfís, tendo en conta as limitacións estruturais e temporais do proceso. Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2022 desenvolvéronse 78 entrevistas aos axentes do territorio dos sectores agrogandeiro, forestal, turístico- patrimonial, administracións locais e outros.

Talleres: os talleres de participación pública desenvolveranse en cada un dos concellos do ámbito cos axentes máis relevantes para a dinamización rural. Nestes talleres presentaranse os resultados do diagnóstico e as propostas recollidos nas entrevistas, e traballarase nunha matriz de impacto para valorar/priorizar as propostas. Por outra banda, e co apoio dun visor en SIX, localizaranse recursos nos distintos eixos do plan (agrogandeiro, forestal, turístico/patrimonial, asentamentos). Os talleres por concellos desenvolveranse nos meses de abril e maio de 2022.

Os talleres participativos en cada un dos 10 concellos involucrados no proxecto, en horario de 18:00 a 20:00 horas, realizaranse no seguinte lugar e día:

- Concello de Verín na Casa da Cultura o 20 de abril.
- Concello de Monterrei na Casa da Cultura o 21 de abril.
- Concello de Oímbra na Casa do Concello o 22 de abril.
- Concello de Cualedro na Aula Arqueolóxica Antonio Rodríguez Colmenero o 28 de abril.  
- Concello de Riós no Centro de Desenvolvemento Agroforestal o 4 de maio.
- Concello de Castrelo do Val na Casa do Concello o 5 de maio.
- Concello de Laza na Casa do Concello o 6 de maio.
- Concello de Vilardevós na Casa da Cultura o 11 de maio.
- Concello de A Gudiña no Edificio Multiusos o 12 de maio.
- Concello de A Mezquita no Edificio Multiusos o 13 de maio.

Mesas temáticas: as mesas temáticas de participación pública teñen como premisa básica a implicación de axentes, colectivos ou cidadanía interesada na temática. Son un punto de encontro no que os diversos participantes colaboran na definición de obxectivos de cara ao futuro.

A composición dos talleres será determinada en función das grandes liñas de actuación do proxecto, establecéndose o seguinte calendario de eventos:

- Mesa temática de turismo, patrimonio e viñedo. 7 de abril de 2022. Casa da Cultura de Verín, Rúa Irmáns La Salle, s/n. 32600.
- Mesa temática de cooperación territorial con Portugal. 20 de maio de 2022 no Castelo de Monterrei s/n. 32618 Monterrei.
- Mesa temática agrogandeira. 25 de maio de 2022 ás 10:00h. na Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.
- Mesa temática forestal. 25 de maio de 2022 ás 12:30h. na Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.
- Mesa temática núcleos rurais.


Máis información no teléfono 981 654637 ou no enderezo planintegralOU@juanadevega.org