Lenda das fases dos Polígonos Agroforestais

A continuación atópase unha lenda das distintas fases polas que pode pasar un Polígono Agroforestal, acompañadas dunha breve explicación de cada unha.

EN ACTUACIÓNS PREVIAS

Estúdase o terreo para saber se se pode levar a cabo o Polígono Agroforestal e comézanse os trámites para a posta en funcionamento.

ACORDO DE INICIO

O acordo de Inicio é o primeiro paso do procedemento para iniciar o desenvolvemento do polígono agroforestal. O acordo de inicio será motivado, sinalará as causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal e determinará o prazo da elaboración dun estudio de viabilidade.

REDACCIÓN DO PROXECTO BÁSICO

O proxecto básico é un documento técnico que elabora a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural unha vez que se produciu a declaración de utilidade pública do polígono agroforestal.

Está definido no artigo 86 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e deberá conter como mínimo: o estudo de viabilidade, a revisión do parcelario afectado e a determinación de parcelas en que se presuma o estado de abandono ou infrautilización, a delimitación de exclusións de carácter produtivo, ambiental, paisaxístico e patrimonial, a investigación da titularidade das parcelas, os compromisos de adhesión ao proxecto, que deberán supor unha porcentaxe mínima do 70 % da superficie das terras incluídas no perímetro do polígono agroforestal e a proposta de reestruturación da propiedade.