Novas

A conselleira do Medio Rural e o director da Axencia Turismo de Galicia visitaron o aloxamento Espazo Nature Retreat, beneficiario das axudas do programa Leader convocadas pola Consellería. María José Gómez e Xosé Merelles subliñaron a colaboración entre diferentes departamentos da Xunta nesta tarefa, en referencia ao recente convenio entre a Consellería e Turismo de Galicia, para mellorar a coordinación das actuacións públicas vinculadas ao turismo no rural galego. Gómez lembrou tamén a publicación, a comezos deste mes, da maior convocatoria da historia das axudas do Leader, cun orzamento de 28,7 millóns de euros para o período 2026-2028 e cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 6 de abril. Merelles abundou na relevancia de proxectos deste tipo a nivel turístico, posto que contribúen de forma decisiva á redistribución territorial da oferta e á dinamización do rural como vector de atracción turística.

A conselleira subliñou que se trata de impulsar as sinerxías que se crean no rural mediante a suma de esforzos das entidades que impulsan o seu desenvolvemento. Pola súa banda, Xosé Merelles destacou o importante aporte da actividade turística como dinamizadora da economía nas áreas rurais. Cómpre lembrar, neste mesmo sentido, que permanece aberta a convocatoria de axudas do Leader, dotada con 28,7 millóns de euros ata 2028 e que constitúe a de maior orzamento da historia.

A partir de mañá poderase alugar de xeito más sinxelo as parcelas que se atopen en estado de dispoñible sen concorrencia, é dicir, daquelas que non recibiran ningunha solicitude válida ou que foran resoltas negativamente. A principal novidade con respecto ao procedemento existente ata o de agora é que os interesados en arrendar estes predios non terán que agardar ata os prazos de presentación habituais. Trátase dunha medida especialmente beneficiosa para os cidadáns, xa que con ela se facilita o arrendamento de terras, o que contribúe a evitar o abandono e garantir o medio rural produtivo e sustentable. Cabe sinalar que estes prazos seguirán vixentes para todos os novos terreos que se incorporen e que teñen que pasar obrigatoriamente por este proceso de concorrencia.

O delegado territorial recordou que o prazo de solicitude das subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas da Consellería do Medio Rural está aberto ata o 19 de febreiro. Na provincia de Ourense, na edición de 2025, resultaron beneficiarias 12 iniciativas que recibiron preto de 372.000 euros. As achegas van dirixidas a pequenas empresas situadas en zonas rurais, e as persoas físicas que residen nesas contornas e, a través delas, os beneficiarios poden financiar a adquisición de bens de equipo, o que favorece a ampliación e a modernización do sector produtivo no medio rural.

boton subscribirse
Fai clic se queres recibir as nosas novas