Agader

Exterior instalacións Agader na Barcia

 

Que é Agader?

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) é un ente público da Xunta de Galicia que promove e coordina o desenvolvemento rural en Galicia. Este desenvolvemento ten como finalidade mellorar a calidade e condicións de vida dos habitantes do medio rural ao tempo que contribúe á cohesión do territorio galego.

 

Cando se creou?

Agader creouse no ano 2000 pola disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, de 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro) baixo a dependencia da Consellería de Economía e Facenda e na actualidade está adscrita á Consellería do Medio Rural.

 

Cales son as suas funcións?

Agader elabora estratexias, planifica actuacións, coordina e xestiona recursos destinados ao desenvolvemento do medio rural. Como ente público xestor do programa Leader en Galicia realiza as tarefas de apoio e de seguimento e control dos programas executados polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) no noso territorio.

As funcións de Agader previstas nos seus comezos aparecen recollidas no Decreto 79/2001, de 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (DOG nº 77, do 20 de abril). Posteriormente modificáronse polo artigo 2º da Lei 12/2008, do 3 de decembro, pola que se modifica a Lei 7/1996 e a Lei 5/2000 (DOG núm. 244, do 17 de decembro), e polo apartado dous da disposición derradeira da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 250, do 30 de decembro).