Cales son os órganos de goberno de Agader?
Os órganos de goberno de Agader son o Consello de Dirección, a Presidencia, a Vicepresidencia e a Dirección Xeral. Ademais destes órganos de goberno, Agader conta cun órgano de asesoramento, consulta e participación que é o Consello Asesor. A normativa que establece e regula estes órganos de goberno e asesoramento son a Lei 5/2000, de 28 de decembro (DOG núm. 251, do 29 de decembro) e o Decreto 79/2001, de 6 de abril (DOG núm. 77, de 20 de abril).
O Consello de Dirección
É un órgano colexiado de goberno do cal forman parte representantes de diversas áreas da Administración Autonómica. O Consello de Dirección orienta as actuacións de Agader e realiza tarefas de supervisión e control como a aprobación de plans e estratexias de desenvolvemento rural ou a aprobación das prioridades na distribución dos recursos. Ademais, decide sobre todas as cuestións relacionadas coa organización, funcionamento e actividades propias da Axencia, sen prexuízo das facultades atribuídas aos outros órganos de goberno e xestión.
Regúlase na disposición adicional sexta, apartado catro, da Lei 2/2000, pola que se creou Agader, e nos artigos 4 e 7 do regulamento de Agader.
Composición
· | Presidencia: |
Persoa titular da Consellería do Medio Rural | |
· | Vicepresidencia: |
Persoa titular da Secretaría Xeral Técnica do Medio Rural | |
· | Vogalías: |
Persoa titular da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal | |
Persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural | |
Persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro | |
Persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión do FEDER e FCI, da Consellería de Facenda e Administración Pública | |
Persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo | |
Persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social | |
Persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo | |
Persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural | |
Persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia | |
Persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica | |
Persoa titular da Secretaría Xeral de Igualdade | |
· | Secretaría: |
Persoa nomeada polo Consello de Dirección |
A Presidencia
É un órgano unipersoal de goberno que corresponde, por razón do seu cargo, ao/á titular da Consellería do Medio Rural. A función da Presidencia fronte a terceiros é representar Agader en toda clase de actos ou negocios xurídicos e nas accións e recursos que procedan. Na perspectiva do funcionamento interno da Axencia, a presidencia debe velar polo cumprimento das directrices de actuación marcadas pola Xunta de Galicia, propor a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento da Axencia, así como ordenar a convocatoria do Consello de Dirección, fixar a orde do día e presidir as sesións.
A Vicepresidencia
É un órgano unipersoal de goberno que corresponde a un membro do Consello de Dirección nomeado polo propio Consello de Dirección por proposta da Presidencia. A Vicepresidencia exerce as funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia e debe substituíla en caso de ausencia ou enfermidade.
A Dirección Xeral
É un órgano unipersoal de goberno e será exercida, por razón de cargo, pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento rural. A Dirección Xeral ten diversas funcións, entre as cales están a execución dos acordos do Consello de Dirección, a elaboración e avaliación dos plans, estratexias e accións de desenvolvemento rural de Agader; a proposición das prioridades para a distribución dos recursos e a xestión da Axencia.
O Consello Asesor
É o órgano colexiado de consulta e asesoramento de Agader e de participación das administracións autonómica e local así como dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento rural de Galicia. Este órgano asesora o Consello de Dirección na elaboración de plans e estratexias de desenvolvemento rural, aconsella sobre as prioridades para a distribución dos recursos, ademais de promover e divulgar os cometidos e actividades de Agader entre os axentes económicos e sociais e entre as administracións locais.
Regúlase na disposición adicional sexta, apartado catro, da Lei 5/2000, pola que se creou a da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e nos artigos 4 e 11 do regulamento da Axencia.
Composición
· | Presidencia: |
Persoa titular da Presidencia da Agader | |
· | Vogalías: |
Dous vogais en representación da Administración da Comunidade Autónoma, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia de entre funcionarios con titulación superior | |
Tres vogais en representación das corporacións locais, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias | |
Tres vogais en representación das organizacións profesionais agrarias coa maior implantación en Galicia, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta daquelas | |
Tres vogais en representación das federacións provinciais de confrarías de pescadores, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta daquelas | |
Dous vogais en representación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, nomeados pola persoa titular da Presidencia da Axencia por proposta daquel | |
A persoa titular da vicepresidencia e a persoa titular da dirección xeral da Agader | |
· | Secretaría: |
Persoa titular da secretaría do Consello de Dirección da Agader |