Novas

14.10.2022
A Xunta destaca o traballo dos grupos de desenvolvemento rural na dinamización do agro galego
A Xunta destaca o traballo dos grupos de desenvolvemento rural na dinamización do agro galego
Inés Santé anunciou que os 24 grupos actuais foron preseleccionados para seguir á fronte da xestión do programa Leader no vindeiro período 2023-2027, tras cumprir todos eles coas condicións de admisibilidade esixidas. Puxo en valor a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de cooperación, no marco da medida Leader, e que conta cun orzamento de case un millón de euros. Destacou o peso da muller en sectores relevantes para a economía galega e lembrou que mañá, sábado, se celebrará o Día Internacional da Muller Rural

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá na segunda edición do Foro da Muller Rural Galega, celebrado no concello pontevedrés de Tomiño. Alí, destacou o traballo tan necesario que realizan os distintos grupos de desenvolvemento rural na dinamización do agro rural e na procura de oportunidades para os habitantes do rural.

Así, avanzou que os 24 grupos actuais foron preseleccionados para seguir á fronte da xestión do programa Leader no vindeiro período 2023-2027, tras cumprir todos eles coas condicións de admisibilidade esixidas. O obxectivo, insistiu, é claro: dotar ao rural galego de servizos de calidade que permitan mellorar a calidade de vida dos seus veciños e xerar riqueza, unha riqueza que se asente no agro e que faga que os galegos poidan vivir no rural e do rural.

Para o desenvolvemento das estratexias locais, Inés Santé indicou que os grupos dispoñen dun orzamento total de 840.000 euros, que triplica ao da convocatoria anterior de 2016 (320.000 €). A contía total repartirase entre as anualidades 2022 e 2023, de acordo coas dúas fases da xustificación da subvención, correspondendo o 75% da axuda á anualidade 2022 (630.000€) e o 25% restante á anualidade 2023 (210.000€). Amais, cada grupo contará con  35.000 euros para os custos da axuda preparatoria, referidos á creación de capacidades, á formación e ao establecemento de redes con miras á preparación e posta en práctica dunha estratexia de desenvolvemento local participativo.

Ademais, durante a súa intervención, a directora xeral puxo en valor a convocatoria de axudas para a execución de proxectos de cooperación, no marco da medida Leader, e que conta cun orzamento de case un millón de euros. Nese senso, Inés Santé destacou que a cooperación constitúe un elemento fundamental para o desenvolvemento das zonas rurais, xa que propicia a mellora das relacións entre territorios e facilita a transferencia de experiencias e coñecementos.

Unha transferencia, remarcou a directora xeral, como a que se está a desenvolver no marco deste foro da muller rural. Unha iniciativa organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Baixo Miño para o que contou cunha axuda Leader de case 10.000 euros.

A directora xeral sinalou tamén que na nova convocatoria de proxectos de cooperación se incorporou a posibilidade de dar soporte a proxectos de cooperación vinculados aos instrumentos da Lei de recuperación da terra, tanto aos orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal -como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo- como aos destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como é o caso dos plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

Neste senso, Inés Santé lembrou o peso da muller en sectores tan relevantes para a economía galega. Así, indicou que só o número de mulleres titulares de explotacións agrogandeiras na nosa comunidade supera o 50%, moi por enriba do 22,6% da media nacional. De aí que en moitas ordes de axudas se lles dea prioridade ás mulleres nos criterios de valoración.

Por último, a directora xeral agradeceu o labor tan importante que desenvolven as mulleres en xeral e no agro en particular, lembrando que este sábado 15 de outubro se celebra o Día Internacional da Muller Rural e que a Consellería do Medio Rural celebrará en Vimianzo a segunda edición de “Alma Rural” co fin de poñer en valor a figura feminina no desenvolvemento do noso agro.