Novas

21.10.2022
A Xunta investirá 4,4 millóns de euros na execución de polígonos agroforestais e aldeas modelo no ano 2023
A Xunta investirá 4,4 millóns de euros na execución de polígonos agroforestais e aldeas modelo no ano 2023
Dous dos tres posibles polígonos de Paradela destinaríanse a viñedos, mentres que o terceiro buscaría a recuperación e a revalorización das frondosas autóctonas caducifolias da zona. En Galicia xa están declarados un total de 21 polígonos agroforestais que comprenden unha superficie de case 8.800 hectáreas e outras 21 aldeas modelo, que supoñen 574 hectáreas

O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou hoxe en Paradela que o seu departamento destinará no ano 2023 un total de 4,4 millóns de euros para executar polígonos agroforestais e aldeas modelo na nosa Comunidade. Así o subliñou durante a súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, para coñecer a delimitación de tres posibles polígonos agroforestais neste municipio lugués.

Así, o titular de Medio Rural indicou que dous deles abarcarían unha superficie total de 152 hectáreas enmarcada dentro da denominación de orixe Ribeira Sacra. Un deles estaría localizado nas parroquias de Loio e As Cortes (80 ha) e o segundo nas parroquias de San Martiño de Castro e San Facundo de Ribas do Miño (72 ha).

En ambos casos, explicou o conselleiro, a delimitación destes posibles polígonos contemplan parte de viñedo pero tamén parcelas con prados, cultivos agrícolas e frondosas autóctonas caducifolias. Polo tanto, asegurou, a súa posta en marcha conlevaría unha importante dinamización económica do seu entorno.

Así mesmo, José González sinalou que o terceiro polígono situaríase na parroquia de Castro e abarcaría unha superficie de 55 hectáreas para a recuperación e revalorización de frondosas caducifolias, concretamente de soutos de castiñeiros. Neste senso, advertiu que se está estudando con maior detalle a propiedade destes terreos para así poder decidir se é mais axeitado desenvolver un polígono agroforestal ou unha agrupación de xestión conxunta.


Balance de instrumentos de mobilización

O conselleiro do Medio Rural sinalou que en toda Galicia hai un total de 21 polígonos agroforestais xa iniciados, cunha superficie próxima ás 8.800 hectáreas. José González indicou que estas iniciativas póñense en marcha en aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, co fin de recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona.

O obxectivo destas iniciativas, tal como detallou González, é dinamizar o territorio e xerar actividade económica. Isto, para facilitar que siga sendo posible vivir no e do rural e para anticiparse aos lumes, evitando que se rexistren ou, en todo caso, para minorar o seus efectos, salientou o conselleiro.

Ademais dos polígonos, a Xunta aposta, no marco da devandita lei, por outra figura para recuperar e valorizar a terra agraria: a aldea modelo, que pretende recuperar as contornas de núcleos de poboación. Así, lembrou que xa son 21 as declaradas en Galicia e que supoñen a mobilización de 574 hectáreas de superficie.

Nesa liña, o titular de Medio rural quixo facer balance das aldeas modelo na provincia de Lugo. Isto inclúe as xa aprobadas e rematadas aldeas de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón (de 15,55 hectáreas) e a de Trascastro, no concello do Inicio (14 ha de superficie). Tamén están aprobadas a de Moreda, en Folgoso do Courel (38,86 hectáreas); Bustelo de Fisteus, no concello de Quiroga (12,68 hectáreas) e Francos de Proendos, no municipio de Sober (12,87 hectáreas).