Novas

14.10.2022
A Xunta pon de relevo as posibilidades que ofrecen os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria para a xestión do monte e a anticipación aos incendios forestais
A Xunta pon de relevo as posibilidades que ofrecen os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria
Inés Santé referiuse ás vantaxes que presentan as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, así como as agrupación forestais de xestión conxunta. Puxo en valor o proxecto “Son de monte”, que recibiu unha axuda de 72.000 euros do programa Leader co obxecto de que un total de seis grupos de desenvolvemento rural colaboren para a valorización da cultura vinculada ao monte

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, destacou hoxe as vantaxes que presentan os instrumentos voluntarios de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para a xestión do monte e a anticipación aos incendios forestais. Foi na V xornada “Son de monte” organizada polo grupo de desenvolvemento rural (GDR) Limia-Arnoia, que abrangue as comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. A acción desenvólvese no marco dunha iniciativa de cooperación financiada cunha axuda de 72.000 euros do programa Leader e na que participan ata seis GDR da comunidade para apostar pola valorización da cultura vinculada ao monte.

En concreto, a directora xeral lembrou que xa están aprobadas un total de 21 aldeas modelo en Galicia, para recuperar as contornas doutros tantos núcleos de poboación. Dentro destas figuras, salientan os aproveitamentos gandeiros pero tamén se perfilan como opcións idóneas cultivos de horta ou a plantación de árbores froiteiras e de castiñeiros, para aumentar as posibilidades de dinamización e rendibilidade.

Na mesma liña, Inés Santé referiuse aos polígonos agroforestais que poden combinar tamén todos os usos agrarios poñendo en valor, neste caso, grandes superficies de terreo. Segundo sinalou, neste caso hai 21 proxectos en distintas fases de execución. Tanto no caso das aldeas modelo como no dos polígonos, recalcou, a provincia de Ourense está a ser a máis beneficiada da posta en valor de terra agraria.
Canto ás agrupacións forestais de xestión conxunta, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aseverou que os vindeiros meses serán fundamentais para dar impulso a esta figura que persegue fomentar unha xestión agrupada e sustentable dos montes, co fin de recuperalos e poñelos en valor. En definitiva, segundo dixo, con este conxunto de instrumentos perséguese crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación.


Cooperación Leader

Na súa intervención, a directora xeral aproveitou para poñer en valor a colaboración dos grupos de desenvolvemento rural galegos para levar a cabo iniciativas conxuntas como “Son de monte”, un proxecto coordinado precisamente polo GDR Limia–Arnoia que busca asentar unha rede de centros de información e promoción da cultura do monte. A maiores deste grupo ourensán, están implicados na iniciativa as coruñesas asociación Seitura 22 e a asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos, os grupos pontevedreses Condado Paradanta e Eu Rural e a asociación lucense Montes e Vales Orientais.

Segundo apuntou Inés Santé, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural financiou con preto de 500.000 euros ata sete proxectos de cooperación no marco da convocatoria resolta o ano pasado, ao abeiro da medida Leader. Estase a posibilitar así -dixo- que os grupos de desenvolvemento rural de Galicia poidan colaborar entre eles ou con outros de España, da Unión Europea ou de terceiros países en materias comúns relacionadas co desenvolvemento local.