Novas

30.10.2022
A Xunta pon en valor o seu modelo de aldeas intelixentes nun seminario internacional celebrado na República Checa
A Xunta pon en valor o seu modelo de aldeas intelixentes nun seminario internacional celebrado na República Checa
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural destacou que Galicia xa conta con 21 aldeas modelo aprobadas, que suman unhas 575 hectáreas recuperadas nunhas 9.300 parcelas de 2.360 propietarios. Nesta rede poñerase en marcha un proxecto que consistirá na recuperación dos núcleos rurais destas aldeas modelo co fin de crear un territorio rural intelixente e contribuír aos retos de seguridade alimentaria e de asentamento da poboación no rural. Inés Santé destacou que as aldeas modelo están completamente aliñadas coa política de “smart villages” impulsada pola Unión Europea e posta en valor no seminario que organizou o Comité Europeo das Rexións

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta maña no seminario internacional Pueblos Inteligentes como herramientas innovadoras para el desarrollo efectivo de áreas rurales, celebrado no lugar de Lednice (República Checa) e organizado polo Comité Europeo das Rexións. Alí, Inés Santé puxo en valor a rede galega de aldeas modelo e o proxecto de aldeas intelixentes, co que se pretende impulsar a recuperación dos núcleos rurais e conseguir un territorio rural resiliente.

Durante a súa intervención, Inés Santé destacou que Galicia xa conta con 21 aldeas modelo aprobadas, que suman unhas 575 hectáreas recuperadas nunhas 9.300 parcelas de 2.360 propietarios. Nelas comezouse coa posta en valor da terra que rodea as aldeas, o que supón unha garantía de seguridade para a poboación que vive nela, xa que permiten frear a afectación dos incendios forestais a través da posta en marcha de actividade agrogandeira económica, rendible e sostible arredor dos núcleos de poboación.

Así mesmo, a directora xeral explicou que o seguinte paso consistirá no proxecto de aldeas intelixentes, que busca crear un territorio rural intelixente e contribuír aos retos de seguridade alimentaria e de asentamento da poboación no rural. Así, a través deste proxecto trátase de obter solucións innovadoras por medio da tecnoloxía, para desenvolver e implementar na rede de aldeas servizos dixitais rurais pensados para a bioeconomía deses espazos e a mellora dos servizos públicos, así como solucións sustentables para a produción agraria e para a construción e urbanización, baseadas na natureza e na transición enerxética.

Para desenvolver dito programa, Inés Santé fixo referencia a un investimento superior aos cinco millóns de euros de fondos propios, orientando o investimento público e privado a mellorar a infraestrutura física virtual e os servizos no medio rural por medio de innovadoras ideas. Nesta liña, a directora xeral apuntou que se agarda incrementar ese orzamento con outras fontes de financiamento, como as vinculadas aos Next Generation ou ao programa FID (Fomento de Innovación dende a Demanda) do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Desta forma, as aldeas modelo pasarán a estar completamente rehabilitadas a través da posta en marcha dun Plan de dinamización do núcleo urbano. Neste senso, Santé destacou que xa está previsto comezar os proxectos piloto dos Plans de dinamización de catro aldeas modelo galegas e, no vindeiro ano 2023, convocarase unha liña de axudas precisamente para incentivar o desenvolvemento destes plans, regulados na Lei de recuperación. Esta rehabilitación cumprirá estritamente, e sempre que sexa posible, os criterios de arquitectura tradicional, sendo utilizados oportunamente materiais de orixe galega como a madeira.


Lei de recuperación da terra

A directora xeral enmarcou todas estas melloras no contexto da aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Nesta mesma liña, advertiu que se trata -a través de ferramentas da lei, como as aldeas modelo- de mellorar a calidade de vida, o mercado laboral e os servizos que hai no rural galego. Uns obxectivos que a Xunta sempre defendeu e que van unidos agora ao valor engadido da dixitalización e a tecnoloxía destas aldeas intelixentes, que van na liña da política de “smart villages” impulsada pola Unión Europea.