Novas

20.03.2024
A Xunta presenta nun seminario do Pacto Rural Europeo os resultados do proxecto ‘Down to Earth’, exemplo de boa práctica na loita contra o cambio climático
Rural Communities Tackling Climate Change
O subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Jorge Blanco, participou por vía telemática na xornada sobre Xestión do cambio climático nas comunidades rurais. Galicia foi unha das representantes de España neste seminario europeo, no que se amosaron outras estratexias desenvolvidas en Irlanda, Alemaña, Finlandia ou Austria. O Proxecto Interreg Europe Down to Earth traballa desde 2023 para frear o despoboamento e o abandono do rural, como estratexia para reducir a degradación ambiental e minimizar o impacto do cambio climático. Desde a Xunta púxose como exemplo a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia coa que se anima a recuperar e revitalizar os pequenos núcleos rurais, mediante a reactivación produtiva da terra abandonada.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou hoxe no seminario Rural communities tackling climate change -comunidades rurais fronte ao cambio climático-, enmarcado dentro do “Pacto Rural Europeo”, para presentar os resultados do Proxecto Interreg Europe Down to Earth do que forma parte xunto a outros seis países europeos. O subdirector de Promoción Internacional e Rural Intelixente da Axencia, Jorge Blanco, foi o encargado de expoñer por vía telemática os resultados desta iniciativa, seleccionada como boa práctica na loita fronte ao cambio climático.

No seminario, no que tamén se deron a coñecer outros proxectos que se están a desenvolver en España e noutros países como Irlanda, Alemaña, Finlandia ou Austria, analizáronse as estratexias deseñadas para mitigar os efectos da crise climática vinculada ao ámbito rural.

O proxecto Down to Earth, liderado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, traballa para analizar o impacto das políticas públicas sobre o despoboamento rural, identificando liñas de mellora nestas ferramentas que permitan para manter persoas e actividades económicas no medio rural, como principal estratexia para reducir o impacto dos desastres naturais ligados á crise climática, como por exemplo, os incendios forestais.

Seguindo esta liña, dentro do proxecto estase analizando o novo instrumento normativo co que conta Galicia, a Lei de recuperación da terra agraria, e a súa contribución na mitigación os efectos do cambio climático. Tamén se estuda a súa potencial contribución á revitalización de pequenos núcleos rurais, a través das aldeas modelo, así como á recuperación de terras en abandono para dedicalas á agricultura e á gandaría, a través de instrumentos como os polígonos agroforestais.

A recuperación da agricultura e gandería en extensivo permite facer un manexo axeitado do territorio, ademais de impulsar o emprendemento e a diversificación produtiva nestas áreas rurais, maximizando os servizos que nos presta a natureza e o territorio, e conectando estas producións con outros sectores, como por exemplo, o turismo.


Visión a longo prazo para as zonas rurais da UE

A Comisión Europea lanzou no ano 2021 o Pacto Rural, como parte da súa Visión a longo prazo para as zonas rurais da Unión Europea, e que serve para promocionar o marco de cooperación entre os poderes públicos, a sociedade civil, as empresas, o mundo académico e os cidadáns, tanto a nivel europeo, como nacional, rexional e local.

O Pacto Rural pretende impulsar os obxectivos compartidos desa visión a longo prazo, fomentando a colaboración entre todos os niveis de goberno e mobilizando ás autoridade públicas e ás partes interesadas para que actuar adaptando as políticas ás particularidades de cada territorio.

O seminario celebrado hoxe estivo organizado pola Oficina de Apoio ao Pacto Rural, que é a responsable de coordinar e implantar as actividades de traballo en rede, promovendo as boas prácticas que poidan inspiran accións no rural.