Aldealix: Integración da biomasa no desenvolvemento de comunidades enerxéticas locais

 

Antecedentes

O proxecto expón o impulso de comunidades enerxéticas locais baseadas en biomasa producida o territorio rural, utilizando as Aldeas da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, como “laboratorios viventes” (“living labs”).

Este uso da biomasa proponse como unha alternativa viable para producir enerxía calorífica, a partir do aproveitamento das podas que se xeran nos montes das contornas das aldeas e que carecen de saída comercial.

As Comunidades Enerxéticas procurarán o abastecemento das súas necesidades térmicas en vivendas e/ou edificios públicos, mediante a creación de pequenas redes de calor, que se complementará coa xeración de enerxía eléctrica fotovoltaica. Desta forma, o proxecto contribuirá á transición enerxética mediante o fomento das enerxías renovables, á vez que se promove a xeración de emprego local para a xestión dos montes.

Poñeranse en marcha catro proxectos piloto, a modo de experiencias prácticas da solución enerxética baseada en enerxías renovables: dous en Galicia (nos concellos de Monterrei e Cerdedo-Cotobade) e outras dúas no Norte de Portugal (nos municipios de Arcos de Valdevez e Vila Pouca de Aguiar), facilitando ademais o intercambio de experiencias en materia de sensibilización, creación e xestión deste tipo de comunidades enerxéticas.


Obxectivo principal do proxecto

O proxecto preséntase como unha solución integral e innovadora das necesidades enerxéticas térmicas das aldeas creando unha comunidade enerxética de biomasa local, de forma que consigan autoabastecerse en termos enerxéticos e xeren á súa vez un aforro económico para os seus habitantes, reforzando a viabilidade económica das súas actividades e tendo á súa vez un impacto positivo mediante a creación de postos de traballo de calidade local asociados á valorización do monte local para producir biomasa.

O proxecto traballará en definir o marco xurídico máis adecuado para xestionar estas comunidades, desenvolverá unha ferramenta dixital para a súa xestión intelixente e creará unha Rede transfronteiriza para o impulso da biomasa e as comunidades enerxéticas térmicas na Eurorrexión, o cal contribúe á replicabilidade da solución proposta, ao apoiar a valorización dos residuos forestais para o seu aproveitamento enerxético, reducindo o impacto ambiental e o risco de incendios.


Socios

O proxecto Poctep Aldealix está coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e conta con socios galegos como a Axencia Galega da Industria Forestal, Energy Lab, o Concello de Cerdedo-Cotobade e o Concello de Monterrei.

Por parte de Portugal participan a Comunidade Intermunicipal Alto Támega e os municipios de Arcos de Valdevez e Vila Pouca de Aguiar.


Financiamento

O proxecto está financiado ao 75% polo Programa de Cooperación Interreg VI A España - Portugal (POCTEP) 2021-2027 y ten un orzamento total de 2.423.589,47 euros.


Período de execución

Dende o 1 de setembro de 2023 ata o 30 de xuño de 2026.


Páxina web do proxecto:

https://aldealix.eu