Preguntas frecuentes

1. A quen vai dirixida esta Consulta Preliminar de Mercado?

A convocatoria está aberta e está dirixida a persoas físicas ou xurídicas que estean dispostas a participar e colaborar con Agader. Entre outros, vai dirixido a particulares, asociacións, empresas e centros de coñecemento. En todo caso, cada unha das persoas interesadas deberá asumir os eventuales gastos derivados da súa participación.

 

2. Cal é a finalidade desta Consulta Preliminar de Mercado? Quen é o órgano encargado do CPM?

Esta consulta ao mercado ten un carácter estratéxico para Agader e, concretamente, con esta consulta preténdese:

a) Obter información sobre estratexias de desenvolvemento de produtos, servizos e solucións das empresas ou entidades do sector que poidan ser contratadas.

b) Coñecer as súas propostas concretas, para que se poida elaborar o Mapa de Demanda Temperá (relación de posibles licitacións de Contratación Pública de Innovación que impulsará Agader e identificar a solución aos retos que se presenten).

Agader busca así recoller ideas para proxectos ou solucións innovadoras, que se atopen dentro dun alto nivel de madurez tecnolóxica actual (TRL 4 a 7- “HORIZON 2020 – WORK PROGRAM 2016-2017 General Annexes: G. TRL”).

O órgano encargado de xestionar e coordinar a fase de consulta previa ao mercado, así como, se é o caso, o órgano de contratación das futuras licitacións será Agader.

 

3. Pódense presentar propostas conxuntamente?

Admitirase a presentación de varias proposicións por parte dunha mesma persoa física ou xurídica, ben individualmente ou conxuntamente con outras. Cando unha proposta sexa presentada conxuntamente por un grupo de persoas ou entidades, deberá identificarse a quen as represente, para os efectos de interlocución coa Administración.

 

4. Como se realiza a presentación do formulario anexo II? Podes achegar un documento adxunto máis detallado sobre a solución presentada?

As proposicións presentadas deberán seguir o modelo que figura no anexo II deste documento e estarán dispoñibles en formato electrónico na páxina web https://aldeasintelixentes.gal/.

Nesta solicitude de proposicións os interesados deberán cubrir o anexo II, sen posibilidade de xuntar ningún documento. Non obstante, se se considera de interese e en calquera momento do proceso, Agader poderá contactar con participantes concretos para obter máis información sobre a súa proposta, aclarar dúbidas ou solicitar demostracións. Así mesmo, poderán realizarse sesións informativas, reunións cos participantes, e cantas outras accións de comunicación e difusión se consideren oportunas. Sen prexuízo do uso doutras canles, toda a información actualizada sobre a consulta estará dispoñible na citada web.

 

5. Será necesario determinar os orzamentos?

Os interesados deberán cubrir o modelo anexo II, que está dispoñible en formato electrónico na páxina web https://aldeasintelixentes.gal/. Un dos aspectos a introducir nel é o orzamento, é dicir, o custo estimado derivado do desenvolvemento da solución proposta en euros (€).

 

6. Hai un prazo de presentación de propostas?

O prazo de presentación de propostas remata o 22 de decembro de 2021 ás 14:00 horas. As proposicións poderán presentarse en calquera momento do período comprendido entre a publicación da Resolución e a data de finalización establecida.

 

7. Podo modificar a proposta mentres estea vixente o prazo de presentación?

Si, pódense enviar versións sucesivas dunha proposta, coas mesmas siglas, pero cada proposta enviada substituirá completamente á anterior. Polo tanto, a nova proposta debe incluír todo o que se considere aínda vixente das versións anteriores.

 

8. Establécese un TRL específico para as solucións aportadas?

Agader busca recoller ideas para proxectos ou solucións innovadoras que se atopen dentro dun alto nivel de madurez tecnolóxica actual (TRL 4 a 7- “HORIZON 2020 – WORK PROGRAM 2016-2017 General Annexes: G. TRL”).

 

9. É posible que unha proposta cubra varios retos?

Si, é posible que unha proposta presentada cubra varios retos

 

10. Os proxectos teñen que estar realizados ou poden ser ideas para levar a cabo nun futuro próximo?

O obxectivo da Consulta é recibir manifestacións de interese e propostas que contribúan a resolver os retos especificados no documento “Necesidades” (Anexo I, dispoñible na páxina web https://aldeasintelixentes.gal/) mediante o uso de tecnoloxías que superen os beneficios dos que están actualmente no mercado. As devanditas necesidades servirán para avaliar as capacidades do mercado e definir as especificacións funcionais que impliquen innovación e que sexan factibles de acadar mediante unha eventual Compra Pública de Innovación ou outro instrumento de contratación pública.

As propostas permitirán definir os casos de uso e o desenvolvemento das correspondentes solucións innovadoras para detectar necesidades e posibles casos de aplicación nos servizos públicos de Galicia, tanto nos casos de problemas sen resolver, como para ofrecer novos servizos públicos ou mellorar a capacidade e calidade dos servizos públicos existentes, sempre que poidan resolverse mediante a innovación tecnolóxica, derivada da observación e xestión intelixente do medio ambiente, converténdose nun vehículo para o desenvolvemento, posta a punto e explotación de novos produtos, servizos e solucións avanzadas para a súa aplicación a unha xestión máis intelixente do medio rural de Galicia.

 

11. O orzamento entre 500.000 e 1.500.000 euros por proposta de solución, establecido no punto quinto (presentación de proposicións), apartado 1 c) da Resolución Agader do 24 de novembro de 2021, refírese á proposta de solución para cada desafío?

O orzamento aproximado mencionado no punto 1 c) quinto refírese ao orzamento previsto para cada unha das proposicións.

 

12. Hai un investimento mínimo?

Non hai investimento mínimo. A Agader poderá utilizar as propostas, se o considera oportuno, para definir as especificacións funcionais ou técnicas detalladas que poderán utilizarse nos procedementos de contratación de bens ou servizos que posteriormente se convoquen, principalmente a través do procedemento de Contratación Pública Innovadora.