Down to Earth: Cooperación interrexional para zonas rurais sostibles, resilientes e atractivas

interreg-europe

 

O proxecto Down to Earth aborda o desafío do despoboamento para mellorar a resiliencia ambiental nas zonas rurais. A través da cooperación de Galicia con outras rexións europeas, vaise traballar no desenvolvemento das políticas e instrumentos de desenvolvemento rural que permitan,  unha xestión mais eficaz e eficiente do capital natural das zonas rurais, así como reducir o risco e impacto dos desastres ambientais e xerando, ao mesmo tempo, oportunidades económicas e sociais que atraian á poboación ás zonas rurais.

O papel da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural é o de socio líder do proxecto. Ademais, participan outros sete socios entre os que se atopan a Fundación Juana de Vega (España) e socios europeos de rexións que comparten desafíos semellantes en Italia, Alemaña, Grecia, Romanía, Países Baixos e Eslovenia. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural é o socio que máis fondos aporta e recibe no marco deste proxecto e adquire o compromiso de coordinar as imprescindibles transferencias de información e coñecemento entre os socios que constitúen o eixe central do proxecto, que xorde da necesidade de abordar as consecuencias do cambio climático.

Durante os próximos catro anos, os oito socios traballarán conxuntamente co obxectivo de identificar e promover boas prácticas para a xestión, mantemento e mellora do capital natural das zonas rurais que permitan reducir o risco de desastres ambientais como os incendios forestais, xerando ao mesmo tempo oportunidades económicas e sociais que poden atraer poboación ás zonas rurais.

Está xa publicado boletín electrónico do proxecto Down to Earth. Este primeiro boletín recolle a actividade desenvolta por este consorcio, que abarca desde talleres dixitais con expertos, a constitución tanto do Comité directivo como do Comité de xestión ou a conferencia de lanzamento do proxecto, que tivo lugar o pasado mes de xuño en Santiago de Compostela.