Novas

31.05.2021
O próximo xoves, 3 de xuño, remata o prazo da convocatoria de axudas Leader 2021-2022
Quedan poucos días xa para o remate do prazo para a presentación de solicitudes de axudas da convocatoria de subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.2 (apoio para a realización de operacións conforme a estratexia de desenvolvemento local participativo) da medida Leader do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, para as anualidades 2021 e 2022, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural

Os interesados teñen de prazo ata o vindeiro 3 de xuño para presentar as solicitudes, que deberán ser dirixidas -tendo en conta a localización do investimento- ao GDR que corresponda. Así mesmo, deberán presentarse co formulario e coa documentación prevista nas bases reguladoras desta convocatoria.

 

Proxectos subvencionables

Serán subvencionables proxectos de natureza produtiva que supoñan a realización dunha actividade económica con fins lucrativos e tamén proxectos de natureza non produtiva, consistentes na realización dunha actividade que sexa de interese público ou colectivo. A concesión das axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva a través de cada GDR e as persoas beneficiarias de proxectos produtivos poderán solicitar un anticipo de ata un importe máximo do 50% da subvención concedida. No caso dos proxectos non produtivos esta porcentaxe pode chegar ata o 90%.

 

Obxectivos do Leader

A asignación total da medida Leader para o período 2014-2020 é de 84 millóns de euros. Os seus principais obxectivos pasan por mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social, entre outros aspectos. Trátase tamén de favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, as persoas mozas, as persoas con discapacidade ou as persoas maiores.

Outros fins que se perseguen son os de garantir a sustentabilidade da actividade no rural, mediante o coidado e a utilización adecuada dos recursos naturais, potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e adaptación ante o cambio climático, fomentando o uso de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.