Novas

19.03.2021
Un total de 82 candidaturas optan este ano aos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural
Un total de 82 candidaturas optan este ano aos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural
A presente edición bateu récord de proxectos presentados, destacando un notable incremento nas categorías de mulleres, mocidade, recuperación de terras agrarias, turismo e interese social. O xurado ten un prazo de catro meses para analizar todas as iniciativas e fallar os premios. Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que deberá reinvestir na iniciativa gañadora

Unha vez rematado o prazo fixado para a remisión de candidaturas, a Consellería do Medio Rural recibiu un total de 82 propostas para optar á XII edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.

Así, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a constitución do xurado que analizará e estudará cada unha das propostas presentadas nun prazo máximo de catro meses. Dito xurado está composto por representantes das administracións autonómica e local e dos grupos de desenvolvemento rural (GDR).

A presente edición bateu récord de candidaturas, pois ata o de agora o máximo recibido foran 78 propostas e, na pasada edición, houbo un total de 66 proxectos. Ademais, a directora xeral destacou que houbo un notable incremento respecto de anos pasados nas categorías de mulleres (15 iniciativas), mocidade (8), recuperación de terras agrarias (11), turismo (16) e interese social (14). Tamén tivo moi boa acollida a nova categoría de paisaxe rural (4), sen esquecernos da de innovación tecnolóxica (4) e agrogandeira (9).

Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

 

Galardóns

Cada un dos premiados recibirá un diploma e unha dotación en metálico de 10.000 euros que o gañador deberá reinvestir na iniciativa gañadora para realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. Mediante estes premios, a Xunta recoñece aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada, tal e como se explicaba nas bases e na convocatoria.